Somos unha parella que e o pasado luns 21 de agosto tivemos unha meniña, a nosa primeira filla. Quixeramos facer chegar estas reflexións sobre o servizo recibido na Materno-Infantil do CHUO a quen se diga ter responsabilidades ao respecto.

-En primeiro lugar queremos manifestar o noso máis sincero e inmenso agradecemento a todo o persoal que nos acolleu, atendeu e acompañou durante todo o proceso (chegada a urxencias, dilatación na 6ª planta, dilatación na 1ª planta, parto, sala do espertar e post-parto), así como a todas aquelas cuxas facianas non vimos (cociña, limpeza, lavandería, administración?), e que traballan para que o CHUO funcione do mellor xeito posíbel a pesares de non contaren, no noso humilde parecer, cos mellores medios que a estas alturas un centro público de saúde debería de contar.

-Non entendemos que en cada quenda só haxa dúas matronas. Se, como pasou ese día 21 de agosto, coinciden sete partos, por que teñen que andar ás carreiras dun cuarto para o outro? Están con todas pero non están con ningunha. E quen di matronas, di tamén persoal de xinecoloxía/obstetricia e demais. Haberá días tranquilos, pero haberá que contar cos días complexos, ou é que acaso non se fan estatísticas de que "eses días" existen?

-Non entendemos por que hai soamente unha sala de parto natural, con bañeira, lavabo con ducha aparte, diferentes mobles que axudan ao proceso de dilatación e expulsión e, sobre todo, relaxación, e todos os aparellos precisos para a monitorización e coidados varios, así como dun tamaño suficiente é cómodo tanto para a futura nai, o seu acompañante e o persoal sanitario que atende o proceso. Iso si, sala que, como haxa "traballo de máis" para o pouco persoal existente, non se pode empregar para o que foi pensada e deseñada ao non poder ser atendida á futura nai en condicións.

-Non entendemos por que hai catro salas de dilatación, dun tamaño moi discutíbel (catro persoas dentro son multitude) que, aínda por riba, teñen que compartir baño/lavabo. Se están todas as salas cheas, por que o persoal sanitario ten que pasar o mal trago de establecer quendas para o seu uso?

-Non entendemos por que, por haber só cinco salas habilitadas para dilatación-parto, e estando estas cheas, hai que subir á planta sexta e compartir cuarto, xa non con outra futura nai na mesma situación, senón cunha nai que ven de pasar polo proceso e que o que precisa é tranquilidade e descanso, tanto ela como o seu bebé e acompañante. O normal sería, nun día de "exceso de parturentas", habilitar un espazo axeitado e co acompañamento preciso. Pero, sobre todo, non mesturar procesos diferentes no mesmo cuarto.

-Non entendemos por que algunhas das instalacións, aparellos e materiais teñen pinta de seren os mesmos da época na que nós fomos nados (andamos contra o final dos trinta anos).

Cada un fala da feira segundo lle vai nela, e cadaquén terá a súa visión das cousas. Mais a nosa experiencia foi a dun persoal profesional, vocacional, que quere traballar ben, que tenta motivarse cada día a pesares dos atrancos (por lentitude, ineptitude, inoperancia ou intereses ocultos -ou non tan ocultos-), que lles poñen "as de arriba". É tan difícil asignar máis medios técnicos e, sobre todo, humanos á Sanidade Pública, que é de todas e para todas, independentemente da súa rendibilidade económica? Gastar por gastar, non, e sempre con cabeciña e control? Pero a estas alturas da Historia vivirmos o vivido, si que é intolerábel.