Desde o 17 de xullo ata o 3 de agosto de 2017 tiven que estar ingresada na planta de oncoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro cun problema moi grave, nos primeiros días entre a vida e a morte.

Teño que agradecer a todo o persoal, desde o da limpeza, enfermeiros, auxiliares, médicos, especialmente á medica que levou o meu caso pola súa magnífica comunicación e explicacións, etc. O seu traballo do día a día, sempre animando, sempre cun sorriso e iso que están traballando con moita falta de persoal, suplindo as carencias cun valor e formación marabillosas, cun gran espíritu de traballo e compañeirismo.

Hai carencias, por exemplo un simple biombo ou cortina nas habitacións para garantizar a privacidade dos pacientes cando nos asean; tamén hai moitas camas pechadas no verán (as denominadas velas de Uroloxía e Cirurxía xeral e Dixestiva ou a de Neurocirurxía e Rx Intervencionista) e pacientes que non son de oncoloxía ocupando camas na planta.

Como consecuencia, as esperas nos boxes de Urxencias prolónganse ata que conseguen darnos habitación e poden chegar ou sobrepasar as 20 horas.

Pero todo isto queda suplido, repito, polo bo facer e a profesionalidade de todos e cada un dos traballadores e traballadoras da planta. Grazas por todo, grazas por salvarme a vida.

Defendamos a sanidade pública!