Tanto a Asociación PineirÓns como o seu presidente, Celestino Pardellas, levan máis de 20 anos solicitando para Ons, na época estival, un retén de primeiros auxilios e que este sexa permanente.

Temos que dicir que Parques subvenciona un retén de Cruz Vermella dende hai anos, pero só está en Ons dende a chegada do primeiro barco, sobre as 11 da mañá, ata a marcha do último, sobre as 20 h., quedando sen ningún servizo sanitario durante 15 horas, tendo en conta que estamos nunha illa e que durante esas horas hai en Ons entre veciños, turistas, traballadores e campamentos, arredor de 800 persoas.

Con enorme ledicia líamos na prensa que a Asociación de Médicos Interinos de Galicia, xa dende o ano 2016, ven denunciando ante Parques esta precariedade sanitaria da que din que: "En Ons solo existe un puesto de primeros auxilios con horario de oficina".

Agora vimos de ler que o goberno local de Bueu considera indispensable este servizo permanente e que van a levar a pleno a solicitude da presenza dun médico permanente en Ons, despois de que a Consellería de Sanidade non o vira necesario.

Clama ao ceo que dende Sanidade digan que en Ons non fai falla debido a que "está a cinco minutos en barco desde Bueu e o centro de saúde a tres, co que en oito minutos tería dispoñibilidade de médico". Que afirmación máis irresponsable!

Poñamos un exemplo. A unha persoa en Ons, entre as 20 e as 11 h., dálle un infarto, ictus..., sofre unha importante queimadura, rompe algún óso..., sabemos que neses casos, os primeiros momentos son importantísimos para salvar a vida da persoa ou para non facerlle un mal maior. Quen vai facilitar esa axuda se non hai en Ons un médico ou ATS permanente? Se hai un traumatismo grave ou unha queimadura importante. Quen sabe o que hai que facer e como facelo sen aumentar máis o problema? Que barco especializado hai en Bueu para que poida trasladar a un facultativo ata Ons en cinco minutos? E iso supoñendo que o mar estea calmo, ou, pensan ir a recollelo, metelo no barco e levalo a Bueu xunto o médico? Dende logo os responsables de Sanidade deixan moito que desexar se esas palabras dixeron.

Vivimos continuamente casos nos que só se actúa cando o mal está feito. De verdade, responsables de Sanidade, que terá que morrer alguén en Ons ou quedar con algunha lesión de por vida, para que se dean conta que hai que previr? Tanto custa manter, na que era a casa do médico, a un sanitario especializado, para que poida socorrer a unha persoa no caso de darlle mal, mentres chegan os medios de evacuación que, por desgracia, non tardan 5 minutos, senón un mínimo de 20?