En contestación á carta do señor Eduardo Garrido Núñez, presidente da Asociación de Veciños de Cabral, publicada nesta sección o día 16 de xaneiro, quero facerlle unha serie de puntualizacións respecto a mesma.

Presidente: non dis a verdade cando falas do limpo que están os montes de Cabral. É público e notorio que nos montes Gorxal, Cotogrande, Loureiro, Baladas e nas fincas de Carzuh e do Cura hai miles de toneladas de escombro. Coñeces os expedientes abertos pola Administración local e as sancións impostas por estes atentados ecolóxicos?

Presidente: non é verdade que a causa da crispación na parroquia fose a loita polos terreos que ocupaba Aena. Todos sabemos que o conflito saltou nas asembleas de abril e maio de 2013, cando a Xunta Rectora da Comunidade de Montes tratou de aprobar Porto Cabral mediante enganos e trampas. O malestar aumentou cando a Fiscalía imputou ao presidente e ao secretario da Comunidade de Montes por "gestión desleal" e "falsedad documental". Merecen estas persoas seguir tendo a nosa confianza?

Presidente: na Comunidade de Montes non se fai unha convocatoria aberta de emprego a nivel parroquial dende hai dezaoito anos. Agora os postos de traballo repártense a dedo, e a algúns con este procedemento de contratación non lles vai na mal. A que si señor presidente?

Presidente: en relación co Paseo do Lagares, o acordo co Concello de Vigo non é motivo de moita celebración. En lugar de ser o Concello quen se ocupe de facer, pagar e manter o paseo (os de Cabral tamén pagamos impostos) a Comunidade de Montes carga cos gastos e a responsabilidade civil. Vaia logro! Pero mire por onde señor Eduardo, si que coincidimos cando fala da crispación vivida. Algúns non lle chegaron os muros da parroquia e ata pintaron a igrexa e a casa do crego, polo feito de deixarlle un local ao grupo opositor.

Para rematar, permíteme que me tome a liberdade de dicirche que coas túas manifestacións estás contaminando aínda máis a atmosfera, xa que non se axustan á realidade dos feitos acaecidos e así é difícil que as feridas cicatricen en Cabral. Sentidiño e cordura presidente.