"A Nosa Terra" foi un semanario publicado na Coruña entre 1907 e 1908, a iniciativa do sector galeguista de Solidaridad Gallega. Era rexionalista, anticaciquil e proagrario. A súa segunda etapa -da que celebramos este ano o seu centenario- iniciouse o 14 de novembro de 1916, coa publicación do primeiro número, tamén na Coruña, dirixido -inicialmente- polo avogado e escritor Xosé Iglesias Rouca, despois por Antón Vilar Ponte ata 1921 e, máis tarde, por Víctor Casas (aínda que nominalmente figurasen como directores Alexandre Bóveda, Suárez Picallo,...). Primeiro foi o órgano de expresión do sector coruñés das Irmandades da Fala e desde 1932 do Partido Galeguista, trasladándose a súa redacción a Pontevedra. En 1934 foi suspendido baixo o Goberno de Lerroux (nalgún sitio dise que por motivos económicos...), reaparecendo en 1935 e cesando de novo coa sublevación militar de 1936, na que foron asasinados -entre outros 40 membros das Irmandades- Víctor Casas e Anxel Casal (editor). A partir de 1942 editouse en Buenos Aires, actuando Castelao como director e editorialista. A partir de 1977 publicouse como semanario en Santiago de Compostela, dirixido por Margarita Ledo Andión e en 1981 traslada a súa redacción a Vigo, pasando a ser novo director en 1983, Afonso Eiré. Despois, nunha nova etapa, pasou a ser unha revista en color, baixo a propiedade de Jacinto Rey. E, finalmente, sairon uns números dixitalmente. Parte da súa antepenúltima etapa lémbroa perfectamente e califícoa de extremista. Despois moderouse e apostou pola creación literaria.

En 1917 contaba con 2.000 subscritores, en 1931 con 500 e en 1935 con 1.000. Os seus recursos económicos proviñan dos subscritores, da publicidade e das doacións (primeiro dos galegos de América, despois das Irmandades da fala e, por último, do Partido Galeguista). O seu primeiro número contaba con 8 páxinas. Fixéronse un total de 422 números, nos que se espallaba o ideal galeguista. A súa periocidade era variábel: decenalmente, quincenalmente e mensualmente. Colaboraron nas súas páxinas Manuel Lugrís Freire, Luís Amado Carballo, Roberto Blanco Torres, Ramón Cabanillas, Castelao, Xosé Filgueira Valverde, Antón Losada Diéguez, Manuel Antonio, Xaime Quintanilla, Luís Peña Novo, Xoán Vicente Viqueira, Aurelio Ribalta, Vicente Risco, Ramón e Xohán Suárez Picallo, Ricardo Carbalho Calero, Gonzalo López Abente e outros.