En resposta a unha Carta ao Director escrita por D. Víctor Garví, profesor do IES San Tomé.

En primeiro lugar, non entraremos nunha guerra de datos, pero si nos gustaría aclarar as conclusións que poden desprenderse deles. O IES San Tomé non está tan masificado como o Álvaro Cunqueiro ou o Alexandre Bóveda, posto que só ten adscritos dous centros con 3 liñas en total. Tal e como na propia carta Víctor recoñece, o San Tomé pode ofertar 15 ou 20 prazas libres, por riba da súa reserva. O Alexandre Bóveda, en cambio, ten 30 reservas sobrantes. En ningún momento FOANPAS acusou aos centros de blindar para ninguén as prazas que se ofertan, faltaría máis! A admisión é transparente, dacordo aos baremos establecidos. A nosa crítica non se dirixe aos Centros, senón á Administración; non ten nada que ver coa admisión, senón coa oferta e a adscrición, que reparte esa oferta entre os que demandan as prazas.

Tal e como o propio Víctor sinala no seu escrito, o normal é que somentes un 75% do alumnado dun IES prosiga os seus estudos de bacharelato. Pero, ao observar a adscrición actual, pode comprobarse que nalgúns dos IES da cidade, xusto os máis céntricos, os menos afastados, acontece algo inusual: o número de grupos de bacharelato supera o número de grupos da ESO. Isto pasa, nun grao menor, en catro centros (entre eles o San Tomé) e, nun grao absolutamente inaceptable, no IES Santa Irene.

Estes datos e a única conclusión que deles pode extraerse foron admitidos polas autoridades. O xefe territorial díxonos: "Os pobres que optan por centros concertados, con todo o seu dereito, logo non terán diñeiro suficiente para pagar o bacharelato nos mesmos centros. Por iso hai que reservarlles unha praza de bacharelato o máis preto posible". O Inspector Xefe afirmou: "O IES Santa Irene ten vocación de centro de bacharelato".

O que se nos propón é inxusto. Esta non é unha loita contra o ensino concertado. Estamos a favor de que o alumnado de bacharelato teña praza o máis preto posible, pero non a costa de que se desprace o alumnado da ESO, moito mais novo. Situámonos en contra de que non se oferten as prazas da ESO que se precisan. Non entendemos que un centro de secundaria teña vocación de bacharelato nin que, se isto é así, se permita. En definitiva, cunha oferta distinta hai sitio para todos. Animamos ao persoal docente a incorporarse ao debate para, a través das mesas de directores achegar posibles solucións. Desde FOANPAS sempre estaremos dispostas ao diálogo, a contrastar información e a facer e escoitar propostas.