Cando Rosalía dicia: "Adiós ríos, adiós fontes?", o seu sentimento era polos que ían para as Américas, e igual tardarían moito ou, no peor dos casos, non volverían a ver os cristalinos ríos e as augas meigas das fontes da nosa terra.

Agora mesmo, mentras escribo estas letras estou rodeado de fume polos arredores, e non se pode respirar como é debido. Ano tras ano chegan as calores e xa está a pasar máis do mesmo.

No século XXI, se vivise Rosalía diría tamén, por desgracia: adeus montes, adeus?, adeus! Neste caso non é por abandonalos marchando, senón que os deixamos desaparecer estando ó lado. Isto é moito máis grave aínda.

Nos tempos de Rosalía non ardían os montes e fai uns cincuenta anos tampouco. Por que? Que está a pasar? Todos sabemos porque antes non ardían os montes. Limpábase a broza! Aproveitábase todo o que había no chan: toxos, carqueixas, piñas, leña; ata se arrancaban as raíces das árbores que se cortaben. Collíase o batume para estrar as cortes e facer o esterco. Prendíaselle lume ás silveiras que non se podían aproveitar e non pasaba nada. Agora toda a culpa a tén os pirómanos?

Todas estas labores facíanse á man, co foiciño e con carro de vacas. Por que agora non se saca esa broza (biomasa), que cando seca é coma a pólvora para os montes? Xa non se necesita o batume, claro. Agora faise o esterco nas casas, co que nos sobra, chámese "compos"?

É unha verdadeira vergoña que cos medios que temos hoxe non sexamos capaces de ter os montes limpos, aínda que só fora a metade cada ano. E que fai falta tanta imaxinación para sacar esa biomasa e darlle un uso? Para caldeiras de calefacción, centrales térmicas, facer estercos, etc, etc.

Se nos poñemos a mal pensar, parece que non interesa. E veña avionetas, helicópteros?, publicidade contra os pirómanos. Espectáculo, demontres! Un malgaste de cartos e os montes seguen ardendo.

Xa vai sendo hora de cambiar de política, señores responsables! Coa metade do diñeiro que se gasta e creando moitos postos de traballo acabaríamos co problema. Senón, volveremos a chorar pronto con Rosalía: " Adeus montes para sempre, adeus?"