Quérome sumar a esa corrente de lembranzas que estes días percorren de boca en boca e nos medios de comunicación en memoria do noso atleta de Cabral, Manuel Augusto Alonso Rodríguez, co motivo do seu pasamento.

Este noso veciño ao longo da súa actividade deportiva, tanto a nivel estatal coma internacional, era coñecido co apelido paterno de Alonso. Pero saiban vostedes que os máis vellos de Cabral o chamaban tamén o Corredor ou o Galgo da Alza.

Ao neno Manuel Augusto quedoulle na retina as carreiras dos atletas do Veritas Sporting Club, adestrando pola Alza, e outros camiños, e axiña colleu o rastro das pegadas deixadas por aqueles heroicos atletas que tantos triunfos deportivos deron a Cabral na década dos anos trinta, en especial nas probas de campo a través (cross country), e votouse a correr polos camiños lameiros e montes da parroquia.

As primeiras carreiras deste futuro campión foron en disputa co tranvía da liña número tres, Cabral-Vitoria, primeiro na distancia de 2.000 metros, A Ponte-Escolas Nieto e despois na distancia de 3.000 metros, A Ponte-Alto do Seixo, onde estaba o colexio Santa Cristina, polo que o desprazamento á escola o facía competindo co tranvía, ao que sempre ganaba.

O primeiro equipo de atletismo do nativo da Alza será o Turista S. c., no ano 1948, pasando máis tarde ao Celta. O Celta disolve a sección de atletismo e Alonso se pasa ao Alerta F. J. e, de aquí, buscando novas vías de progreso deportivo e asesorado por todo un persoeiro do atletismo vigués, como é Alfonso Posada, no ano 1957 se marcha a Cidade Condal para fichar polo Barcelona.

De volta a Vigo, no 1966 e, de novo nas ringleiras do Celta, pon a súa experiencia e calidade para que o equipo máis representativo do atletismo de Vigo e de Galicia consiga durante catro tempadas consecutivas, 1966-1970 o Campionato de España de Cross de Clubs.

Alonso é un membro daquel fantástico trío de ases do atletismo galego xunto a Javier Álvarez Salgado e Carlos Pérez.

No tempo dá súa actividade deportiva o Galgo da Alza foi un dos mellores atletas do Estado español. E así o confirma o seu impresionante palmarés, imposible de amosar nesta escrita. Para darnos unha idea, dicir que foi 33 veces internacional, que ganou 8 veces o campionato de España de 3.000 metros obstáculos, Campión de Galicia de Cross, Campión de España de 5.000 metros lisos en varias ocasións, campión mundial de veteranos (40-45 anos) de 5.000 e 10.000 metros lisos... por citar só algúns dos seus logros deportivos.

O Galgo da Alza sempre tivo tempo para atender calquera demanda que desde Cabral se lIe facía. E así o miramos naquel sempre lembrado día, en que depositou a coroa de loureiro no monolito que Cabral chantou en memoria do Veritas Sporting Club, ou aquel outro día de 1995, en que estivo arroupado polo atletismo vigués na homenaxe que a Asociación de Veciños de Cabral lIe fixo ao Galgo da Alza, aproveitando a celebración do XIV Maratón Popular de Cabral, o Galgo da Alza, o noso Corredor, a través da súa vida foi agasallado en moitas ocasións, entre elas, co título inmaterial de 80 Exeneroso.

Que a terra te sexa leve veciño.