Vimos observando desde que... nos dixeron que eramos ricos, un abandono manifesto, por parte das persoas que veñen rexendo os destinos de Tui, en canto a potenciar o coñecemento e recoñecemento, por parte da cidadanía, do noso rico patrimonio humano e material.

Permítanseme uns exemplos que ilustren esta persoal afirmación: Hai unhas décadas, creouse un segundo instituto ó que se lle impuxo o nome de Francisco Sánchez, autodenominado "El tudense", "El esceptico" e que: "Cervantes describe en el viaje que hizo al Parnaso: "Nació en la ciudad de Tuy (sic) en Galicia en el año 1550 y (...)".

Estudió Medicina en Mont Pellier y Filosofía, permaneciendo luego como profesor de Medicina y Filosofía durante 25 años en la Universidad de Tolosa..." . "Ramón Otero Pedrayo asegura de este gallego ilustre, que fue uno de los primeros europeos, dando a esta afirmación el valor de una Europa instalada fuera de toda dirección dogmática...".

Pois ben, a pesar deste currículo (e..., o que aquí se recolle é unha areiña na praia da biografía de Francisco Sánchez), hai tres ou catro anos, o nome de F. S. foi sustituído polo de Indalecio Pérez Tizón, un dos seus directores, falecido. ¿Que causas motivaron este troque entre persoas de curriculo tan desigual?, con todo o meu respecto para o finado Sr. Pérez Tizón. ¿Deixadez das autoridades competentes? ¿Corporativismo profesional mal entendido...? En Braga, hónrano cun monumento ben fachendoso porque, os irmáns portugueses, reivindican a súa orixe portuguesa por mor das históricas pelexas diocesanas entre Tui e Braga. ¿E en Tui?

Un dos edificios máis emblemáticos de Tui é o que, dende ¿sempre?, se denominou: "San Paio" ata que, un bo día, reinando en Galicia o faraón Fraga Iribarne, deixouse cair por aqui un dos seus "teloneros": Vázquez Portomeñe ou Pérez Varela (hai opinións que lle atribúen a melonada a un ou ó outro), montou, nunha das súas estancias, un furancho de baratixas que representasen a marca España, en Tui por ser cidade fronteiriza, e, como recompensa, signo de "modernidade" e coa aquiescencia de pailáns ilustrados, o edificio pasou a chamarse "Área panorámica". Agora, xa figura nos documentos oficiais do concello con este nome, símbolo do progreso cultural dos tudenses de pro...

En Tui naceron 17 académicos da Real Academia Galega; o derradeiro elexido no 1966. ¿Quen os coñece? ¿Con que distinción se honran?

Todos procedemos do campo. A cidade foi un mal invento necesario. Nos nosos palleiros abondan apeiros de labranza en proceso de descomposición. As nosas casas culturais están baleiras. ¡Ninguén pensa en crear un museo etnográfico que ilustre ás xeracións futuras de onde vimos e como evolucionou a nosa vida!

O pobo que ignora o seu pasado é coma unha árbore sen raices: Un feble ventiño... derrúbao.

Fco. S. deixou escritas e figuran no vestíbulo do instituto, frases coma esta: "La ignorancia merece en todas partes perdón, pero la falacia castigo".