Unha vez máis, Redondela é centro cultural de referencia. O Festival Redondela en Curto, que xa vai pola súa ddécimo segunda edición, sitúa todos os focos culturais de atención na nosa vila.

O alumnado do IES Mendiño asistiu onte á sección de Andaina por segundo ano consecutivo, despois do bo sabor de boca que nos deixou a ocasión anterior.

Nada disto sería posible sen o impagable esforzo e a nobre e xenerosa adicación de Cuchi Carreira, sempre disposto a participar en calquera tipo de iniciativa cultural que se lle propoña... e sen esperar nada a cambio. O noso centro sabe moito disto por experiencia propia. Cuchi é un mozo ilusionado e comprometido coa súa vila. Non esquezamos que as principais actividades deste Concello veñen da man de xente que, desinteresadamente coma el, non dubida en traballar arreo a prol dun soño malia todo tipo de pexas coas que moitas veces se atopa en cada un dos proxectos que emprende.

Xa que logo, queremos desde o IES Mendiño agradecerlle á Asociación Andaina, que nos ofreceu a magnífica posibilidade de asistir á súa sección; a Cuchi e ás persoas que o axudaron a que Redondela se proxecte non só dentro, senón tamén fóra. Noraboa polo voso excelente labor e moito ánimo para continuardes traballando pola nosa vila coa mesma ilusión.