Na Idade Media, diría Cunqueiro, ou sexa ata mediado o século XX, a feira/festa anual de máis sona no meu pobo era a denominada Feira do Bento ou das mulas, que constituía o xénero principal dos tratantes casteláns (en realidade case todos leoneses) que logo colocaban polo interior peninsular como animais de tiro, dedicados en especial ás labores agrícolas, como xa anota Jovellanos a finais do XVIII. Pero chegou a mecanización, e a estampa de aqueles carromatos e labregos arando a planicie infinita detrás da parella de mulas desapareceu. Como consecuencia finaron aquelas feiras anuais, Mondoñedo, Melide, Monterroso, Chantada, Lalín. Para encher o baleiro foron substituídas por eventos de tipo gastronómico, aínda en activo, mais artificiosos pero menos relacionados co entorno sostible no que aquelas agromaran facía séculos, posiblemente nos primordios da chamada Reconquista, pois xa no "Cantar del destierro" Mío Cid anima ós seus con ocasión de certo combate gabando as boas selas galegas sobre as que cabalgan. Cando o calendario festeiro acugulou agromou unha nova modalidade, menos pantagruélica pero mais fachendosa, a das festas de época, en especial as denominadas medievais. Unha das primeiras e sinaladas debeu ser a que se celebra en Ribadavia, coa voda xudía como cerne, na que os participantes se desenvolven en castelán medieval, diante dun público entregado e reverencial. Porque, en xeral, de medieval teñen pouco, pois a maioría ou totalidade de figurantes aparecen disfrazados representando condes o duques e por ningures axexan os viláns azoutados na praza pública, ergueitos campesiños explotados nin cheiro a chamusco de herexes relaxados.

Recuando, recuando sempre, xurdiron novas variantes, como as romanas, castrexas e prehistóricas. Pero, que eu saiba, ningunha dedicada a épocas progresistas, como a Ilustración, da que poderiamos sacar algunha lección e proveito para o presente, por exemplo lendo ó citado Jovellanos, cando critica o gusto pola obras suntuosas e faraónicas de entón (no puede haber un contraste mas vergonzoso que ver las grandes capitales llenas de magníficas puertas, plazas, teatros, paseos y otros monumentos de ostentación, mientras por falta de puertos, canales y caminos está despoblado y sin cultivo su territorio, yermos y llenos de inmundicia sus pequeños lugares, y pobres y desnudos sus moradores); ou sobre a lucha de toros, da que di que no ha sido jamás una diversión ni cotidiana ni muy frecuentada, ni de todos los pueblos de España, ni generalmente buscada ni aplauida. Ou, por referirnos a algo mais próximo, o comercio de laranxas e limóns que dende Galicia, Asturias y La Montaña... hasta la mitad del siglo pasado abastecían de estos preciosos frutos a Inglaterra y Francia.

Verdade que semella actual?