Un ano máis (e xa van 29), a Asociación Xuvenil Amencer puxo en marcha a Operación Quilo, unha campaña solidaria para recadar un "extra" de alimentos e xoguetes durante a época de Nadal para as persoas que viven en situación desfavorecida na nosa cidade.

Repartido todo o recadado só queda agradecer a todas e cada unha das persoas a súa "quilaboración".

A quen nos permitistes colocar carros para a recollida nos supermercados e quen deixastes alimentos neles. A quen fixestes a recollida polos supermercados, quen a clasificastes e quen cargastes coas caixas. A quen trouxestes xoguetes e roupa, e a quen axudastes a convertelo en agasallos de Nadal. A quen deixastes moedas nos petos, a quen adquiristes un lazo laranxa, a quen "pagastes" con 1quilo a entrada a un evento, a quen permitistes colocar caixas para a recollida e a quen as enchestes de alimentos. Ás familias que nos apoiades e confiades en nós para educar na sensibilidade, o compromiso e a solidariedade as vosas fillas e fillos, mocidade de hoxe, persoas adultas de mañá. Ás mozas e mozas, por recibir de maneira tan xenerosa a proposta de aprender facendo, de aprender "quilaborando", de medrar comprometéndose. Ao "Faro de Vigo" e aos outros medios de comunicación por difundir a iniciativa, visibilizar o labor de tantas persoas e as necesidades doutras tantas, por mostrar a cara máis solidaria e participativa da mocidade. Ás empresas e a quen transformastes os vosos "quilos" en alimentos? A todas e todos, GRAZAS!

18.822kg de alimentos, 1.006kg de xoguetes, 1.900kg de roupa, 6.221,53 euros, 423 persoas implicadas directamente e 3.580 persoas que poderán pasar un pouco mellor este Nadal de 2015.

Contigo, con vós, somos +. Grazas!