Recentemente, suscitouse polémica pola creación polo Sr. Fojo da "Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas", na que segundo a documentación de constitución, o Sr. Fojo aportou cinco gaitas para cumprir o mínimo de 30.000 euros do capital fundacional. Posteriormente ao anunciar a disolución da Fundación o Sr. Fojo comunicou a doazón destas mesmas gaitas ao Museo Internacional da Cornamusa.

Despois de examinar o expediente, publicacións e hemerotecas, atopamos con sorpresa que esas gaitas figuran no Museo da Cornamusa dende fai polo menos vintetres anos, polo que por todos os indicios pertencerían á Deputación de Ourense e non ao Sr. Fojo.

Dúas gaitas (de Vicente Pereiras e de Pallamallada) figuran xa inventariadas como gaitas do Museo no Anuario da Gaita n.º 6 de 1991; a gaita de Santalices foi doada no 1995 ao Museo pola familia Charro Salgado e todas estas gaitas, xunto coa de Domingo Balboa, aparecen no libro do Museo editado no 2003 pola Deputación formando parte do mesmo.

Ante esta evidente situación de continua confusión patrimonial entre o Sr. Fojo e a Escola de Gaitas, urximos á Deputación que clarifique co Sr. Fojo a titularidade dos instrumentos, partituras, gravacións e materiais que foi recibindo a Escola de Gaitas provincial durante todos estes anos.