En primeiro lugar, quixera pedirlle desculpas pola demora en responder ao texto que Vde. publicou nestas mesmas páxinas o pasado 20 de xaneiro; simplemente, e por motivos que non veñen ao caso, non tivera ocasión de lelo; de todos os xeitos, sempre é bo coñecer que alguén está a ocuparse, mesmo discrepando, do que un escribe.

Sinalaba Vde. no seu escrito que, no debate arredor da despenalización do aborto (ou, mellor, da protección xurídica do nasciturus), non estamos diante dunha controversia entre teólogos, moralistas, xuristas... -sorpréndeme un tanto, tendo en conta que é Vde. un membro, e non un membro calquera, da Igrexa católica-, senón perante un litixio que afecta a unha ciencia experimental como é o caso da bioloxía, a cal viría ser así a única capacitada para determinar que é/que non é a vida humana.

Pois ben, creo ben que non ignora Vde. que ao lado, certamente, de científicos que interpretan que reside na fecundación o momento en que se constitúe a identidade xenética singular, outra parte -non menos substancial- dese mesmo colectivo entende que o embrión de doce semanas non devén un individuo biolóxico; carece de vida independente, xa que é totalmente inviable fóra do útero.

Ademais, o desenvolvemento do cerebro apenas está nas súas etapas iniciais, sen que se establezan aínda as conexións nerviosas que caracterizan o ser humano.

Vde., pola súa banda, e eu, pola miña, poderíamos acudir, desde logo, ao criterio de autoridades de peso nunha e noutra dirección. Sen embargo, a aporía -outra máis!- radica, precisamente aí: na procura dunha utilización partidista da ciencia, presentando como argumentos/verdades científicas aquilo que pertence ao ámbito das crenzas persoais, ideolóxicas ou relixiosas. Porque acontece que o coñecemento da ciencia si pode clariricar características funcionais, pero nunca pode afirmar/negar se tales distintivos lle conferen ao embrión a calidade ser humano, tal e como esa calidade é aplicada aos individuos desenvolvidos da nosa especie.

Polo demais, permítame, D. Ángel, que lle faga esta pregunta: de veras estaría Vde. disposto a deixar que fosen os biólogos os que establecesen -eles sós- cando somos/deixamos de ser humanos? E, en consecuencia do anterior: aceptaría Vde. que lles fose conferida aos científicos a capacidade de lexislar sobre a vida e mais a morte?

Desculpe, pero Vde. sabe coma min que a bioloxía non deixa de conformar aquí un proceso meramente descritivo: polo tanto, é imposible substraír o debate de apartados morais, teolóxicos... "In dubio pro reo": estaremos de acordo os dous na veracidade, na necesaria veracidade, da locución latina. Pois ben, non lle parece que no caso da muller que toma decisión de abortar, e toda vez que na dúbida andamos realmente instalados, é a ela a quen deben favorecer as leis?