Paso diante da librería e boto ollada rápida ao escaparate. A vista apousa na caricatura de Roberto Vidal Bolaño. Baixo escorzo, unha cita do autor que leo a modo, releo e fago por memorizar. Doulle avante ás pernas e decátome que a frase resoa dentro miña máis forte consonte cavilo nela. Algo de máxica ten. Transcréboa:" Son moitos e moi diferentes, demasiado contradictorios as máis das veces os ventos que nos moven, como para saber onde levan ".

Pouco sei das ideas políticas do autor que Galicia honrou onte 17 de maio. Sei, eso sí, que a frase pegoume fonda e abonda para que simpatice co dramaturgo e xurda en min o alicerce por coñece-la súa escrita.

Sen outra referencia, xulgo que é de fiar un home disposto a recoñecer que carece do mellor modelo político posible para a súa Galicia arelada. Vexo en RVB un exemplar de lucidez, honradez intelectual e humildade ideolóxica moi raro de atopar hoxe.