Comeza o curso escolar. De novo, estudarán e xogarán xuntos nenos e nenas de distinta condición económica e social; con pais e nais casados/as, separados/as, de dereitas, de esquerda,... do Barça ou do Madrid; e cada vez máis, de diversa procedencia, raza ou credo relixioso. Un ano máis, moitos seguiremos sen entender por qué as crenzas relixiosas se manteñen como a única causa e motivo para separar uns alumnos/as doutros. Coma consecuencia, as nais e pais non crentes ou pertencentes a relixións minoritarias veremos con desacougo e preocupación como os nosos fillos/as de 3 a 5 anos son segregados do resto de compañeiros de clase cando chega a hora de impartir a materia de relixión católica.

A vida dá moitas voltas. Imaxinemos que, por algún motivo, unha familia católica galega vese na obriga de se desprazar a un país con outra maioría relixiosa (xudía, musulmá, budista, etc). Se a regulamentación do ensino da relixión fose neses estados igual que aquí, os pais terían que decidir entre dúas opcións para os seus fillos/as, de seguro que ningunha delas satisfactoria: permanecer no grupo de alumnos e estudar os dogmas e a fe maioritaria, ou ser afastado dos seus compañeiros de clase e quedar ao coidado doutro profesor/a. ¿Como encaixarían isto? Indignados, dirían que a escola debera ser elemento de integración e nunca de separación; que os libros sagrados deberanse ensinar nos respectivos templos, xamais nun centro educativo público ao que acoden meniños/as de variada condición. Máis cedo que tarde, cualificarían de integristas ás autoridades do país que os acolle, sen se decatar que a discriminación que están a denunciar tamén se dá no da súa procedencia, pero nunca a sufriran en carne propia.