O programa "O son da ribeira" , que emite a Televisión de Galicia (TVG), visita hoxe Muxía para honrar musicalmente á Nosa Señora da Barca, cuxa romaría, unha das que máis devoción esperta en Galicia, se celebra dende antigo. Para facelo,o espazo escolleu dous poemas fundamentais para a cultura galega e a universal, de Rosalía de Castro e Federico García Lorca, dedicados a esta romaría. Trátase dun poema que Rosalía escribiu en 1853, que di "Ramos de froles parece Muxía a das altas penas", e do poema "Romaxe de Nosa Señora da Barca", un dos seis que Federico García Lorca escribiu en galego.

A primeira versión de este último poema que soará no programa, que dirixe a presenta X. H. Rivadulla Corcón, estará interpretada polo grupo muxiá de pandeireteiras Abaladeiras. Despois, o presentador conversará con Felipe Sar, profesor e director do grupo, sobre o que significa para as xentes de Muxía este tema, e a súa importancia dentro do repertorio de Abaladeiras.

Os seguintes en participar no programa serán dous mariñeiros de Muxía: un en activo, Josecho Martinez, e outro xa retirado, Ramón Búa. Os dous expresan o que significa a Virxe da Barca para eles, a devoción que se lle ten en Muxía, e como se acordan dela e lle piden polas súas vidas cando están en perigo no mar.

Despois de escoitar aos mariñeiros, Marful ofrecerá unha nova versión do poema de Lorca. O grupo que lidera Ugia Pedreira fai unha versión moi persoal e orixinal, con moito sentimento.

Para desentrañar que foi o que levou a Federico García Lorca a escribir este poema dedicado a Muxía, o espazo da TVG fala co profesor de Historia da Arte na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Xosé Antón Castro, que naceu en Muxía e cre que a versión máis acertada ten que ver coa estancia de Lorca en La Habana, onde fixo amizade coa colonia de emigrantes de Muxía, naqueles tempos a colonia galega máis extensa.

Outro dos grupos que interpretan "Romaxe de Nosa señora da Barca" é a Coral Virxe da Barca de Muxía. A súa directora Charo Vázquez conta que este é un dos temas que interpretan con máis emoción. E tamén fala da significación emotiva que ten que a interpretación para o programa se faga no interior do santuario da Nosa Señora da Barca.

A última interpretación da "Romaxe de Nosa Señora da Barca", escoitámola na voz de Amancio Prada, que foi o primeiro en musicar este poema.

Despois de gravar este programa, pasadas unha semanas da gravación, o equipo do programa recibiu a noticia da morte do mariñeiro Ramón Búa, a quen estará dedicada a emisión desta semana.