O Concello de Covelo vén de dar continuidade ao legado do filántropo e empresario Agapito Serra Fernández que no ano 1929 mandou construír na súa aldea natal unha escola, a de San José de Redondo situada na parroquia de Barcia de Mera, con capacidade para setenta estudantes e casa habitación correspondente para o mestre. Ao seu carón, financiou tamén a construción dunha capela dedicada ao seu santo patrón, San Xosé.

Dando un paso máis na recuperación e protección dos edificios e espazos públicos, o Concello inicia a obra de rehabilitación exterior desta antiga escola. Traballarase na eliminación de filtracións de auga ao interior, na limpeza e restauración das paredes e devolveranse as fachadas ao seu estado orixinal. Ademais, substituirase a carpintería de aluminio actual por unha máis acorde co edificio e coa súa contorna, rehabilitarase a porta principal e substituirase a porta traseira. Por último, procederase á rehabilitación do portal de entrada á parcela e acondicionamento básico da mesma.

O alcalde, Pablo Castillo, explica que as obras terán unha duración de dous meses e permitirán “non só protexer o patrimonio público se non tamén avanzar na mellora deste espazo polivalente que, con futuras actuacións, poderá albergar distintas iniciativas municipais e veciñais ademais de conservar os usos xa existentes . Grazas á boa colaboración entre as administracións podemos comezar unhas obras moi necesarias que devolverán a este fermoso edificio o seu esplendor para perdurar o seu carácter orixinario de servizo e goce da veciñanza de Covelo”.

Asentado en Lisboa, Agapito Serra montou o restaurante A Estrela de Ouro e creou unha fábrica de alimentos co mesmo nome acadando un importante éxito empresarial. En 1907 encargoulle ao arquitecto Norte Júnior edificar unha barriada de casas, que levaría o nome das súas empresas. Estas casas eran alugadas por un módico prezo aos seus traballadores e hoxe constitúen un dos barrios lisboetas máis característicos. Foi un destacado membro da colectividade galega asentada en Portugal, directivo de varias sociedades de socorros mutuos e un dos promotores da creación no ano 1931 do Centro Galego de Lisboa.