Un ano máis, Cáritas Bueu organiza un mercadiño solidario de verán, que se desenvolverá do 8 ao 10 de agosto nun baixo comercial da rúa Pazos Fontenla, 32, e que ten por lema "As grandes oportunidades para axudar aos outros rara vez se dan, pero as pequenas rodéannos todos os días". O horario será de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, e as persoas que se acheguen poderán facerse, entre outros, con produtos de electrónica, roupa, xoguetes ou libros que foron doados por particulares e institucións públicas e privadas. Así o salientou Manuel Golmayo, director de Cáritas Bueu, durante a presentación que tivo lugar onte no salón de plenos do Concello, coa presenza do alcalde, Félix Juncal, e do párroco, José López.

Esta iniciativa, que xa leva un percorrido de máis de oito anos, ten dous propósitos: obter máis fondos para a atención prestada a un total de sesenta familias durante todo o ano, e dar a oportunidade de que as persoas bueuesas e visitantes se sintan colaboradoras desta acción social.

O párroco apuntou que "este evento pretende dar a coñecer a labor de Cáritas e buscar a colaboración das persoas que visitan a vila nestes meses de verán".Pola súa banda, o alcalde agradeceu e recoñeceu a labor levada a cabo por este organismo que fai posible durante todo o ano que moitas persoas e familias poidan saír de diversas dificultades.