Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carmela Silva

Educando en igualdade para erradicar a violencia machista

Os informes do Instituto Nacional de Estatística ou os estudos elaborados polo Instituto Nacional da Xuventude relativos ás inquedanzas e opinións da mocidade non deixan lugar a dúbidas e arroxan inquietantes sombras e datos arrepiantes. Como pode ser que os menores de 18 anos constitúan o grupo de idade no que máis medra a violencia machista, ata un 70,8%? Quen pode explicar como é que a mocidade constitúe o sector da poboación onde máis aumenta o maltrato? Algo estamos a facer mal cando un de cada cinco mozos de entre 15 e 29 anos de España considera que a violencia machista non existe e que é un “invento ideolóxico”; cando a metade deles asegura que a violencia de xénero non é un problema grave da sociedade; cando o 20% sinala que é inevitable; cando o 24% afirma que o feminismo ten como obxectivo prexudicar aos homes ou cando ata o 30% normaliza os celos como proba de amor.

Dicía recentemente a catedrática de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, María José Díaz-Aguado, que en “España e noutros países da nosa contorna estamos acostumadas e acostumados a actuar despois de que as cousas acontezan, para solucionalas” e engadía que “temos que entender que realmente é moito máis efectivo, económico e ético previr que curar, pasar da reacción á prevención”. Ten moita razón e, sen embargo, non estamos camiñando nesa dirección. Non estamos “previndo”. A nosa mocidade non recibe formación en igualdade nin en educación sexual e, lamentablemente, cando teñen dúbidas, cando queren satisfacer as súas demandas de información acoden ás redes e… que nos atopamos? Que o 30% de nenos entre 8 e 12 anos soamente recibe educación sexual a través da pornografía e que case 7 de 10 adolescentes de entre 13 e 17 anos é xa consumidor frecuente destes contidos agresivos e violentos contra as mulleres. A este feito engádese que cada vez máis novos acceden ás redes sociais e que, con ausencia de formación na materia, introdúcense en subculturas dixitais masculinistas, que conforman a manosfera, obsesionadas con denigrar e violentar ás mulleres polo feito de selo.

Á vista dos datos certo é que algo debemos facer. É urxente. Se queremos que as arrepiantes cifras de mulleres asasinadas deixen de medrar ano tras ano, se queremos que as múltiples violencias que padecemos as mulleres polo feito de selo deixen de acontecer, debemos traballar no ámbito educativo e desde xa. Sabemos que a educación é a máis potente ferramenta da que dispoñemos para transformar a sociedade. Que soamente apostando por educar en igualdade dende o berce conseguiremos que a semente da igualdade vaia medrando con forza e, nuns poucos anos –agardo- poidamos falar dun mundo diferente, dun mundo libre de violencias machistas. E para isto, para que os nenos e nenas de hoxe sexan homes e mulleres feministas no mañá, necesitamos todos os recursos económicos e humanos posibles.

Tamén necesitamos dotar de ferramentas ao profesorado e as familias, para que sexan as e os nosas/os cómplices neste camiño. Queremos que sexan actrices e actores clave que contribúan a erradicar esta terrible lacra social porque as violencias machistas soamente diminuirán e/ou desaparecerán coa acción conxunta da escola, familias e da administración en xeral. Nós, dende a Deputación de Pontevedra témolo claro. É a nosa vontade que as nenas e nenos da nosa provincia medren sendo feministas e en contornas de igualdade, nas que se fomente o respecto mutuo, a tolerancia, a xustiza e os valores democráticos. Porque do que falamos é de dereitos humanos. Non hai nada máis importante!

Por estes motivos e no ámbito educativo temos lanzado numerosos programas dos que estamos especialmente orgullosas: “Canteira de igualdade”, iniciativa que traballa nos centros educativos, con alumnas e alumnos de secundaria, e que está a ser un auténtico éxito; “Gegame” o videoxogo que vai promover a igualdade de xénero en centros educativos de secundaria; a campaña para impulsar o xogo e xoguete non sexista e non violento ou o módulo formativo en igualdade que impartimos na Escola Universitaria de Enfermería de Pontevedra. Estou convencida, tal e como tamén asegura Priscila Retamozo, unha das nosas docentes de “Canteira de igualdade”, de que “frear un problema deste calibre con obradoiros de dúas horas é imposible”. Por iso, e aínda que non temos competencia na materia, apostamos por impulsar iniciativas formativas sistematizadas e prolongadas en materia de igualdade que, estou segura, axiña nos permitirán recoller froitos.

Estamos felices vendo que as mozas e mozos que participan nas nosas actividades educativas feministas están xa a ter unha mirada máis crítica sobre as violencias machistas, están a cuestionar a realidade vixente e a fomentar o debate que permitirá, sen dúbida algunha, o verdadeiro cambio social. Elas e eles son o noso futuro e soamente con elas e eles, da man do profesorado e familias implicadas, sumando alianzas dende a educación, conseguiremos que o mundo que vén por diante sexa un mundo verdadeiramente igualitario, cheo de esperanza, máis xusto e democrático. Un mundo libre de violencias machistas.

*Presidenta da Deputación de Pontevedra

Compartir el artículo

stats