Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

As raíces da envexa

Sabían vostedes que Leonardo da Vinci foi anonimamente acusado de sodomía cando contaba con tan só 24 anos? Imaxinen a gravidade de dita acusación na Florencia de finais do século XV, onde a pena oficial para este delito era ser queimado vivo. Afortunadamente no xuízo contra o gran xenio do Renacemento non se presentou ningunha proba válida e os cargos foron finalmente retirados, mais un estremécese tan só de pensar no que tería acontecido se aquela acusación chega a prosperar. A carreira dunha das mentes máis brillantes da historia ameazada por un dos maiores males do ser humano: a envexa. O certo é que ese mal parece acompañarnos dende que o home é home, motivo polo cal debemos aceptar que é normal que todos caiamos, de cando en vez, na trampa de envexar o que non temos.

O problema xorde cando este mal se perpetúa e a persoa se converte en envidiosa crónica. Cando isto ocorre a persoa é vítima dunha forma de relacionarse co mundo enfermiza que a contaxia dunha certa amargura. Pero a que se debe dita amargura? Quizais a mellor resposta a esta cuestión estea na definición que Tomás de Aquino facía da envexa, quen a explicaba como a "tristeza do ben de outro". Ese é probablemente o maior erro do envexoso, a constante comparación cos demais, comparación insana e que a miúdo lle fai sentirse frustrado. Así, en lugar de ver o talento ou as virtudes das persoas que o rodean dun xeito positivo, coma un espello no que mirarse, o envexoso percibe esta circunstancia coma unha ameaza, un desafío para o seu status; coma se o brillo alleo fose escurecer o seu propio. A envexa aliméntase tamén de certo grado de insatisfacción cun mesmo. A persoa non está contenta coas súas propias habilidades, os logros acadados... e, en lugar de mover ficha e intentar modificar o que estea na súa man para cambiar esta situación, prefire enganarse a si mesma proxectando esa frustación sobre as persoas que a rodean e que, segundo o seu punto de vista, posúen máis do que merecen.

Por raro que poida parecer, un envidioso crónico non sempre é fácil de detectar, xa que aparece e desaparece coma o Guadiana, dependendo da súa habilidade para agochar o problema. Pero tarde ou cedo acaba manifestándose, ben sexa a través dun comentario, un simple xesto, ou unha serie de accións que denotan a presenza deste rasgo. Con cada un destes momentos de "revelación" o envexoso afasta un pouco máis ás persoas que o rodean, aumentando así a súa soidade.

Ante a irremediable presenza de persoas envexosas ao noso redor semella que a postura máis intelixente para os demais é a de intentar alexarse ou esquivar da mellor forma posible a este tipo de persoas, alomenos ata que se desprendan da pesada lousa que arrastran.

*Mestre e veciño de Xaxán (Lalín)

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.