25 de marzo de 2014
25.03.2014
Campo de Granada

A vila de Vigo

25.03.2014 | 01:11

Ás portas da celebración da festa da Reconquista, inaugurouse na Casa Galega da Cultura a exposición "A Vila de Vigo no século XIX". Unha magnífica oportunidade para coñecer de primeira man o vestiario, os oficios tradicionais e os instrumentos musicais daquel Vigo de hai douscentos anos, cando era apenas unha vila amurada de dous mil veciños, arredor dos sete mil habitantes, cuxas edificacións se foron arremuiñando na aba do monte Feroso e na beiramar da ría. Unha exposición que axuda a identificar que o ADN da actual cidade metropolitana está cifrado na cultura mariñeira e comercial da Ribeira do Berbés, na incipiente actividade industrial e dos oficios manuais, que comezou a instalarse entón nos barrios de extramuros, como tamén na cultura tradicional agraria das vizosas terras do Val do Fragoso.

Non esquezamos que as murallas da vila de Vigo comezaron a ser construídas en 1656, cando contaba apenas 1.500 habitantes, a maior parte artesáns, mareantes e pescadores. Porén, a comezos do XIX, a poboación multiplicouse por cinco grazas ao desenvolvemento da actividade pesqueira dos mariñeiros da Confraría da Misericordia e no inicio da industria da salgadura da sardiña promovida por inmigrantes cataláns. Mais tamén coa autorización da actividade comercial naval e coa actuación da flota corsaria de armadores, como os da familia Marcó del Pont, que chegaron a armar en corso até oito buques, sendo moi influíntes na actividade comercial e política viguesa durante as tres primeiras décadas do século XIX. Carácter corsario, salientado por Xosé María Álvarez Blázquez, que non se debera esquecer, se ben entendendo que esta actividade relacionada coa pirataría era autorizada polos responsables do reino para perseguir o comercio naval dun país inimigo.

Aquela vila amurallada da primeira metade do século XIX tiña seis portas: Gamboa, Laxe, Ribeira, Falperra, Pracer e Sol. Intramuros as rúas eran costentas, estreitas e tortas e as casas dispoñíanse con escasa harmonía. Contaba con tres prazas, a da Constitución, a da Pedra e a da alfóndiga ou da Pescadaría (hoxe da Princesa), onde en 1832 se construíu o primeiro teatro da cidade, que Nicolás Taboada Leal na súa famosa descrición da cidade de 1840 cualificaba como "o mellor de Galicia". Extramuros foron desenvolvéndose catro barrios, dous na beiramar e outros dous no interior. O Areal, ou de Santiago de Vigo, estendíase dende a porta da Gamboa até o Areal, arredor do camiño cara Redondela e Santiago, sendo alí onde se foron instalando as industrias da salga e os primeiros edificios residenciais de fasquía burguesa. No extremo contrario, na enseada do Berbés, consolidouse o barrio de pescadores a partir da porta da Ribeira. Máis arriba formouse o da Falperra, arredor dos camiños que cara Baiona e Tui saían desa porta que co tempo irían conformando a rúa de Santiago e o paseo de Alfonso XII. Por último, o Salgueiral, situado nunha zona de fortes pendentes, artellouse arredor da estrada de Castela que saía da Porta do Sol e que máis tarde trazaría a rúa Príncipe.

Ese foi o celme da vila de Vigo, declarada cidade en 1810, que adquiriu o carácter efémero de capital provincial durante o trienio liberal. Habería que agardar ao proxecto de Marcoartú en 1837 para contar, coma Ferrol do XVIII ou coma Bilbao e Santander, coa súa primeira posibilidade dunha nova poboación apoiada no seu porto. Proxecto urbanístico que sería recuperado vinte anos despois e realizado só nunha pequena parte polo enxeñeiro José María Pérez. Proceso de ensanche da cidade que, por fin, levará á demolición das murallas no ano 1869 e aos primeiros recheos dos peiraos da Laxe, dos terreos da Alameda e da construción das edificacións do "ensanche de García Olloqui" de 1870. Vigo preparábase para a consolidación do ensanche da fin de século, o dunha cidade industrial moderna, corazón dunha ampla área, que integraría aos concellos limítrofes de Bouzas e Lavadores, o que o arquitecto Antonio Palacios definiu como "cidade imán".

Xaora, aquel Vigo do século XIX foi unha cidade cosmopolita que non renunciou a súa actividade cultural, asociativa, recreativa, festiva e deportiva. Unha cidade na que foi determinante o papel modernizador dos seus xornais, desde a aparición en 1853 de "Faro de Vigo", polarizando a opinión conservadora, até os diversos proxectos de carácter liberal e progresista, primeiro "La Oliva" e "El Miño" en 1856, máis tarde "La Concordia" en 1873 e "Galicia. Diario de Vigo" en 1922.

Nestes días de festa popular, ademais de recuperar o elegante vestiario daquel tempo e teatralizar un episodio histórico da Reconquista, cómpre non esquecer de onde vimos como colectividade. Quizais así entendamos mellor onde estamos e poidamos definir onde queremos levar ao Vigo do futuro.

bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook