04 de enero de 2010
04.01.2010

O noso idioma á intemperie

Manuel Bragado

04.01.2010 | 07:30

Refén do compromiso co seu electorado de rematar con "la imposición del gallego" e consciente da debilidade política dos candidatos do seu partido ás alcaldías das grandes cidades, o actual presidente da Xunta destilou durante meses o que pretendía fose un elixir que entusiasmase aos sectores sociais que reclaman non ter contacto ningún co galego na súa vida cotián (un caladoiro electoral onde o PPdeG pretende atopar a súa vitoria en Vigo ou na Coruña) e conformase aos sectores menos esixentes na defensa da lingua das institucións culturais e do PSdeG-PSOE.
Abandonada a posibilidade de recuncar no consenso de todos os partidos e sectores sociais arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e asumida a necesidade de afastarse de posicións galeguistas (as que se identifica co extremismo da "imposición do bipartito"), a ninguén pode extrañar que Feijóo presentase con estudada equidistancia un documento que afonda na utilización partidaria do conflito sobre o emprego das linguais cooficiais no sistema educativo. O que nos achega unha primeira e importante conclusión, por vez primeira en tres décadas de autonomía, a política lingüística desta lexislatura será a imposta polos criterios e intereses dun partido, non a consensuada por todas forzas políticas en base a criterios de país e á defensa de intereses xerais.
Vestido coas roupas do "espazo internacional do plurilingüismo" e amparado nos resultados da enquisa ás familias da fin de curso, o documento propón recurtar a utilización do galego como lingua vehicular nas dúas etapas do ensino obrigatorio; deixándoo á intemperie, aos ventos dos arraigados prexuízos sociais e das "decisións vinculantes" que cada catro anos tomen as familias sobre o seu uso en determinadas materias. Non hai dúbida que se entra en vigor este decreto, o emprego escolar do galego retrocedería de forma moi significativa, tanto por que de facto sería reducido a materias onde se empregan con menor intensidade todas as competencias lingüísticas como pola laxitude do seu uso por parte do alumnado, que terá a posibilidade de escoller, tamén nas aulas, a lingua cooficial da súa preferencia para súas manifestacións orais e escritas; unha solución inaudita e rocambolesca, secomasí que unha materia sexa impartida nunha ou outra lingua só obrigará ao profesorado (a grande vítima deste documento), que perderá parte da súa autoridade pedagóxica diante do seu alumnado en formación.
Un retroceso indiscutible (por moito que teimen en negalo os redactores do documento) que impedirá conseguir os obxectivos previstos nos documentos curriculares en vigor, nos que se fixa que todo o alumnado deberá acadar idéntica competencia en ambas linguas cooficiais ao remate de cada unha das etapas. Un retroceso que, ademais, contravén o sentido de progresividade e da necesaria protección da lingua propia establecido na Lei de Normalización de 1983 (velaí o artigo 13.2.: "As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino"). Este tratamento aparentamente "igualitario" que o documento concede as tres linguas no horario escolar é, ademais de meramente publicitario (coa marca de "plurilingüismo" trátase de vender mellor o novo decreto), discriminatorio para a lingua galega, xa que en todos os manuais de Sociolingüística aplicada ao ensino aparece que a lingua minorizada debe contar cun tratamento curricular preferente, algo que non nos pode resultar novidoso xa que é o modelo que aínda temos en vigor. O que nos achega a segunda conclusión, tras tres décadas de presenza progresiva do galego na escola, con este modelo provocaríase por vez primeira un importante retroceso do seu uso e consideración educativa, mais aínda cando a fraca saúde do noso idioma requeriría accións aínda máis enérxicas de fomento e protección.
Mención áparte na valoración do documento merece o delirante e confuso proceso de toma de decisións proposto no que se transfire toda a responsabilidade na abordaxe do conflito aos consellos escolares dos centros e se proporciona ás familias –asumindo case ao pé da letra as propostas dos colectivos galegófobos (a pesar das súas declaracións premeditamente sobreactuadas, os grandes inspiradores deste documento)– capacidade decisoria sobre cuestións curriculares que son unha competencia ineludible das Administracións Educativas. Unha deixación de funcións incompatible coas sentenzas do Constitucional sobre cuestión e inadmisible politicamente xa que o dereito á educación afecta á toda a cidadanía e como outros asuntos de interese xeral debe ser regulada polos poderes públicos democráticos. Feijóo continúa errando na solución do conflito do galego.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook