O grupo Interestelares, de Cangas, acaba de se proclamado como un dos finalistas do VII Certame de Música Infantil e Xuvenil Quero Cantar, que organiza a Deputación da Coruña. A banda compite na categoría xuvenil –entre 13 e 16 anos– e o vindeiro sábado participarán na gala final, que se celebrará no Teatro Colón, na Coruña.
A banda comezou a raíz da amizade entre dous dos seus integrantes, Loaira e Tomé, que no ano 2021 comezaron a crear e cantar música acompañados unicamente dunha batería. A continuación uníuse Martín ao teclado e posteriormente Xabi como baixista.
A súa música é unha proposta baseada en composcións propias, con cancións que abordan a realidade e as inquedanzas dun grupo de amigos da súa idade. Amizade, compromiso social, amor pola lingua e cultura propia, a natureza... Un proceso creativo totalmente autónomo, con temas propios, con arranxos musicais sinxelos e eficaces e, por suposto, empregando a lingua galega.
A formación quedou consolidada no ano 2023 e comezaron a ofrecer as súas primeiras actuacións en eventos como a Festa da Queimada do Hío, o Festival Area e Folk de Vilariño, no magosto da Escola Municipal de Cangas, no festival do Centro Creativo Musical (CCMUS) de Moaña ou no festival Son de Nadal de Cangas.