Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Barco de pesca no porto de Cangas. Xullo 1935.ARQUIVO DO AUTOR

Naufraxios no primeiro terzo do século XX

O tributo humano de Cangas ao mar (IV)

O historiador da conta de hasta seis traxedias ocurridas no mar entre 1933 e 1936 e do nacemento do ISM

No 17 de febreiro de 1933 envorcaría na ria de Aldán a chalana Engracia Justa con seis tripulantes cando ían embarcar na motora Plus Ultra para sair a pescar. No traxecto, a chalana con demasiados pasaxeiros, perdeu a estabilidade e inundouse, perecendo afogados José Soliño Sotelo de 24 anos, natural de San Pedro e Genaro Ares Cabaleiro de 21, veciño de Aldán. Na madrugada do día 26 de maio do 1933, no final do lockout (paro) dos armadores, chegaría a Cangas a triste noticia de que o Julia González que andaba á sardiña, tivera a desgraza de perder un dos seus homes. Ocorreu na noite do devandito día e cando se dispuñan a subir a bordo da chalana para realizaren a manobra de virada da rede, o mariñeiro Agustín González Sotelo tivo a mala fortuna de dar un traspés e caer ao mar. As versións do accidente foron moi contraditorias e especulouse incluso sobre unha abordaxe da mesma polo barco, que botaría ao mar aos seus tres tripulantes, sendo que un deles sería arrastrado polas turbulencias da hélice. O caso pasaría a mans do xuíz municipal que determinaría as circunstancias do accidente e de aceptar a versión oficial, os familiares só percibirían os escasos beneficios do Seguro de Afogamento e non os que debería aportar por morte o Seguro de Accidentes do Traballo, tantas veces reivindicado polos sindicatos mariñeiros. O 5 de decembro do mesmo ano, perecería afogado o mariñeiro Saladino Fernández Iglesias para cuxos familiares iniciaría unha suscrición o Pósito de Darbo que contaría coa colaboración do Concello e doutras forzas sociais representativas na Vila.

Homenaxe aos náufragos na Ria de Vigo.

A traiñeira “Josefa”

Na madrugada do 9 de abril do 1934 tería lugar o naufraxio da traíñeira “Josefa” patroneada por Joaquín Bamio. Desde o día anterior xa se botara de menos a súa presenza no porto cangués, creándose a lóxica inquedanza polos seus cinco tripulantes dado o mal tempo reinante. Poucos días despois na Costa da Vela, perto do Facho, localizaríanse utensilios pertencentes á mesma, pensándose xa na morte dos seus tripulantes.

O día da partida da traiñeira desatárase un forte temporal que ademáis iría empeorando por momentos. Horas de tensión e de anguria desesperadas, acumularíanse no peirao de Cangas. Algunhas noticias esperanzadoras situaran a esta embarcación acollida en Bueu, mais os restos dunha traíña atopados nas illas Cíes virían confirmar o tráxico desenlace dos seus cinco tripulantes que deixaban viúvas e a triste e importante cifra de vinte orfos. Os mortos resultantes deste naufraxio serían o patrón Joaquín Bamio Pérez de 44 anos e casado con Elisa Santos Germade, sostiña co seu traballo á súa nai anciá e a oito fillos máis, un dos cales, o maior de 19 anos perecería tamén; Alfonso Núñez Soto de 36 anos, casado con Josefa Piñeiro e con seis fillos; Jesús Santos Germade de 33 anos, casado con Cecilia Graña había a penas catro meses e Francisco Broullón Malvido de 33 anos, casado con Concepción Paredes Rodal, con tres fillos e outro en camiño.

E de novo os actos solidarios de persoeiros sociais e políticos, de empresas, de sindicatos mariñeiros, da patronal, dos pósitos, dos conserveiros e de festivais benéficos para axudas das familias da vítimas, intervindo por primeira vez o Instituto Social da Mariña a través do Pósito. Neste periodo de tempo tamén habería que lamentar a finais de abril a morte do percebeiro de Darbo, Angel Hermo Sotelo de 30 anos que fora arrebatado por unha forte onda mentres faenaba.

Barcos e mariñeiros de Cangas nestas datas.

A traiñeira “Amalia”

Cando ainda non se extinguira a dor polos náufragos da Josefa e polo percebeiro morto, produciríase o 2 de maio do mesmo ano 1934, a traxedia da chalana Amalia que deixaría a duas familias orfas. Ángel Soto e Ángel Casás Freire, de 51 e 53 anos respectivamente, serían os mortos neste novo naufraxio cuxos restos buscaría infructuosamente o vapor Capitán Arana que tiña saído do peirao de Cangas na súa busca. A solidariedade voltaría a mostrarse tamén neste caso, acudindo esta vez en primeira axuda dos damnificados o secretario xeral dos pósitos, señor Costas Alonso, quen procedería a doarlle cen pesetas a cada familia (200 total), suministradas como no caso do naufraxio anterior polo Instituto Social da Mariña.

Nestas datas, a estatística de naufraxios de embarcacións de Cangas xa contabilizaba durante o último ano e medio, unha cifra de 37 mariñeiros desaparecidos no mar. Algunhas veces, as menos, os tripulantes das embarcacións terían a grande sorte de seren rescatados como lle acontecera, tamén a comezos de maio, a dous náufragos dunha chalana que conseguiran manterse sobre a quilla da embarcación ata que foron rescatados polo vapor Alegría. Desta, o patrón do barco de pasaxe, José Lloréns e o inspector José Fervenza lograrían izalos a bordo lanzándolle uns cabos e suministrándolle de seguida roupas secas. Noutros casos eran a sorte e a pericia dos patróns e mariñeiros quen conseguirían evitar o afundimento do barco. Así lle acontecería ao vapor Pablo Iglesias e aos seus 22 tripulantes que nos comezos de maio de 1934 e co mar embravecido, sería barrido por unha onda que lle levaría todo o aparello e mais a chalana de a bordo. Xa a punto de írense a pique, o patrón Joaquin Blanco conseguiría salvar o barco grazas ás hábiles manobras realizadas.

O día 11 de decembro de 1934, o forte temporal reinante provocaría o derrubo de casas no barrio do Forte e faría que moitos barcos rompesen amarras e batesen contra os muros do peirao de Cangas sufrindo danos. As casas máis afectadas serían as da familia de Rafael Cabral a quen os veciños axudarían a salvar boa parte dos seus enseres. Ante isto, todas as olladas e análises se dirixirían cara o proxectado muro do Forte que xa levaba un ano parado sen que ninguén tomase cartas no asunto. O gobernador Diego Fernández Gómez, ante a chuvia de críticas que se lle aveciñaba, anticiparíase co anuncio dunha proposta de medidas para estes casos.

Familias náufragos traiñeira Josefa 1934.

Non pretendemos sairnos do noso relatorio local pero é necesario deixar constancia pola repercusión en Cangas, do naufraxio da lancha 4 Hermanos de Moaña ocorrido en xaneiro do 1935 causando a morte de seis dos tripulantes, abrindo unha suscrición o Concello cangués para axuda das familias damnificadas. O 10 de febreiro deste ano, ao terse producido o afundimento do vapor República de Bouzas, tería lugar na ria unha impresionante manifestación de barcos de todos os portos da Ría para denunciar a inseguridade e as condicións deste traballo, tributándolle aos mortos unha homenaxe frente a Cabo Home, lugar do naufraxio. A mediados de agosto deste mesmo ano afundiríase por impacto contra o peirao de San Esteban de Pravia en Asturias, o boniteiro Méndez Núñez de Vigo. Oito dos tripulantes, entre eles tres cangueses, salvaron, morrendo cinco homes, un deles Ángel Fernández, mozo solteiro tamén de Cangas. A mediados de agosto naufragaría nas Cies a gamela Abecede cando os irmáns José e Álvaro Mariño apañaban mexillón nunhas rochas. Un golpe de mar botou fora da barca ao José que consegui agarrarse a unha rocha, mais outra forte onde conseguiu arrastralo, afogando ante a impotencia do seu irmán que non sabía nadar.

Mulleres agardando nun día de galerna.

O 9 de febreiro do 1936, cando o vapor Rodríguez Neira 2 de Bouzas navegaba entre Cies e Biduidos con forte marexada, un golpe de mar arrancaría da cuberta ao cangués Julio Iglesias Chapela. Despois dunha busca infrutuosa, o náufrago foi dado por perdido deixando en Coia, onde residía, viuva e dous fillos en cuxa axuda acudiría, entre outros, o Concello de Cangas.

Julio Iglesias Chapela. 1936

Solidaridade frente á carencia de seguros (IV)

Outro punto en cuestión era a inexistencia de seguros entre os traballadores do mar, situación que ainda empezaría a ser denunciada polos sindicatos e diversos xornais a comezos de 1930, facéndose eco da exclusión dos mariñeiros pescadores das leis de accidentes do traballo no mar que non lles deixan aos familiares destes máis que dor e loito. Para entender esta situación temos que aclarar que a mesma, viña dada polo vello réxime de traballar ás partes cos armadores e patróns, que defendían este sistema para non asumir o risco de custosas indemnizacións no caso de accidentes ou mortes no traballo pois as febles compañías aseguradoras desta época eran moi reacias a asegurar o que consideraban un traballo perigoso. Xa que logo, os mariñeiros que querían traballar tiñan que aceptar o faenaren ás partes, renunciando, a veces sen sabelo, a calquera tipo de indemnización por accidente ou morte xa que este sistema implicaba legalmente ser copartícipes do negocio, é dicir socios e non asalariados. O 26 de febreiro de 1930 nacería o Instituto Social de la Marina como herdeiro do que desde 1919 era a Caja Central de Crédito Marítimo e uns meses despois, desde o mesmo e ligado aos pósitos, xa se tiña promovido unha “Asociación Nacional Mutua de Riesgo Marítimo de las Embarcaciones”. Contodo, desde o I.S.M. terían que admitir, ao pouco, que tan nobles esforzos non conseguiron o resultado desexado pois foron escasos os armadores que se inscribiron nesta Mutualidad de Riesgo Marino, ademáis da oposición das nacentes organizacións sindicais, ás políticas dos pósitos. Ainda que con incumprimentos iniciais desde abril de 1930, as confrarías da ría de Vigo e Aldán comezarían a implantar o descanso dominical nos barcos de pesca. Mais, había ser o goberno republicano quen o 20 de novembro de 1931 puxese en marcha unha Mutualidade de Accidentes do Mar e do Traballo coa que tentaba cubrir o déficit histórico nesta materia.

(*) Historiador e mestre de Cangas

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.