Ramón Ocaña nace no ano 1881 en Bilbao. O neno Ramón será o sexto dos oito fillos do matrimonio Ocaña Larrín e figurará inscrito no rexistro cos nomes de Ramón Enrique Basilio.
Coma todos os seus irmáns aprenderá o oficio no estudo fotográfico do seu pai en Vigo onde traballará como aprendiz retocando clichés e facendo labores varios no taller.
No 1904, con 23 anos, emigra a Cuba. Na Habana traballa no taller Otero y Colominas, “un estudio fotográfico e debuxo con taller de fotogravado a medio tono” onde perfecciona os seus coñecementos. Despois de tres anos regresa a Vigo e trasladase a Cangas onde instala o seu estudio fotográfico.
Casa en Aldán en 1908 con Marina Barros, filla da valisoletana Bonifacia de Lamo e do que fóra alcalde Serafín Barros propietario da coñecida como Granxa de Barros no monte de San Cibrán.
O matrimonio Ocaña-Barros compartiron unha longa vida en parella. Tiveron oito fillos: Ramón, Marina, Serafín, Enrique, Carlos, Enma, Luís e Fernando que lles deron moitos netos e varios bisnetos e tataranetos.
Nunca chegaron a ter vivenda de seu. Viven de alugueiro en varias casas do centro de Cangas: rúa Real, Fomento, avenida Montero Ríos, rúa Méndez Núñez e barrio do Forte. Vive do seu traballo coma fotógrafo, pasan os anos e vai cambiando de locais, mellorando as instalacións con galerías acristaladas que permitían unha mellor entrada de luz natural.
Ten realizado numerosos retratos de importantes cargos da vida política e social de Cangas. Fotografou tamén os acontecementos máis importantes ocorridos na vila que publicou na revista Vida Gallega e no xornal El Pueblo Gallego. No 1929 participa como socio fundador do Alondras Club de Fútbol.
No ano 1931 un incendio destrúe o seu estudo na rúa Fomento. Ramón Ocaña é un emprendedor que inicia novas e diversas actividades. Traballa como representante comercial, abre un estanco na ribeira, o Lyon Bar, unha leitería e o popular salón de baile Danubio Azul, acondicionando unhas antigas naves nos areais de Rodeira onde se celebraron comidas e actividades sociais e políticas .
Na posguerra e axudado polas súas fillas Marina e Enma monta e dirixe espectáculos de teatro. Estivo á fronte do local do Auxilio Social que organizou os comedores infantís que alimentaron a moitos nenos nos anos terribles da posguerra.
Moitos negativos e cristais fotográficos do seu estudio arderon e foron retirados ao limpar o local na de Cervera. Xentes de Cangas teñen recollido do lixo cristais fotográficos con negativos da súa autoría. Agora e grazas ás redes sociais recuperamos algúns deses materiais.
Ramón Ocaña falece en Cangas no 1977, aos 96 anos, vivindo no barrio do Forte. O colectivo Arte-Visual recuperou parte do seu traballo fotográfico nunha Exposición Antolóxica na Casa da Cultura en abril de 1995. Cangas débelle imperecedoira gratitude por legarnos tantos testemuños gráficos da nosa vila no século XX.
(*) Secretario de A Cepa