“Os bordos diverxentes son o límite entre dúas placas que se separan”. Así empeza un mini vídeo ou clip no que a profesora Adela Otero, que traballa con Xacobo de Toro neste proxecto, explica un concepto de Xeoloxía. Este equipo de docentes colga nas redes sociais explicacións sobre Xeoloxía, cuns vídeos moi visuais e divertidos. Son vídeos realizados con técnicas de croma, drons e moitos outros elementos que fan destes materiais didácticos un modelo ideal tanto para TikTok como para Instagram (tamén en Facebook, Twitter e YouTube). Teñen moitas videoleccións, que agora están a facer máis curtas, para darlles ritmo, adaptándose así á cadencia das redes sociais. Ademais, soen incorporar nos vídeos intérpretes de signos, de xeito que se trata dun material inclusivo. Soen traballar conxuntamente con intérpretes.

Tectónica de placas, estudo do interior terrestre, xeomorfoloxía... son todos eles conceptos que describen nos seus mini vídeos. O proxecto inicial chámase XeoClip, iniciado hai máis de seis anos. Neste tempo foron engadindo vídeos e técnicas, conseguindo un material cada vez máis sofisticado. Nesta época de intentar entender as erupcións volcánicas, por exemplo, estes recursos didácticos son marabillosos. Non só para alumnado de Xeoloxía, tamén para todas aquelas persoas interesadas en entender conceptos desta materia.

Na actualidade o equipo de profesores de XeoClip está formado por: Xacobo de Toro, Adela Otero Abrodos, Rocío Romar Roel, Alberto Fortes Novoa, Fernanda Molto Ruibal, Patricia C. Durán, Noe DV, Adán Gonçalves García e Belén Arenal.

En SignoXeoClip (no apartado dos e das intérpretes): José López Muiños, Cristina Rubio, Amparo Ginés, Nancy Bobillo e Susana Vázquez.

O proxecto conta con varias ferramentas didácticas multimedia. As principais son os vídeos curtos en formato vídeo-lección documental interactiva, con imaxes en 360º. Tamén incorporan cuestionarios de autoavaliación para xogar en grupo, ademais de notas descargables polo alumnado. Os profesores poden contextualizar ditos apuntes vinculándoos á súa contorna.