“Non queremos deixar de facar as cousas que facemos cada Nadal. Temos como unha especie de rutina de celebracións antes de marchar de vacacións e ímola facer igualmente pero cumprindo coas esixencias por Covid”, expresa Ana Ruíz, mestra no CEIP de Laredo. Como serán as actividades? (que levarán a cabo precisamente hoxe, último día lectivo antes das vacacións de Nadal).

As mesmas pero respectando as aulas burbulla. É dicir, cada grupo estará na súa clase pero a celebración das actividades será conxunta, a través de pantallas (por streaming) que permitirá a todo o colexio ir seguindo as actividades do día. “Por exemplo, simulamos as badaladas. Pois cada neno traerá igualmente as súas 12 uvas e facemos unha conexión entre todas as clases para tomalas ao mesmo tempo. Deste xeito, cada grupo estará tomando as uvas cos do seu grupo fisicamente e conectados co resto das aulas polas pantallas”, comenta Ruíz, que indica que é tradición neste colexio de Chapela (Redondela) que alumnos e alumnas vistan ‘de etiqueta’ nun día coma hoxe, para celebrar a chegada destas datas de festa. E aínda que este ano serán ben distintas debido á situación sanitaria, o look festeiro (de etiqueta) é algo que se pode manter. Tamén realizan, por exemplo, un ‘Photocall’, aproveitando eses traxes de etiqueta que visten e o atrezo de Nadal no cole, pero o Photocall, iso si, cada un na súa aula.

Conta a mestra Ruíz que este ano tampouco puideron adornar a árbore de Nadal coma outras veces. “Por motivos de hixiene, consideramos que era mellor evitar adornos en exceso”, apunta. Pero buscaron a maneira, e crearon árbores de Nadal minimalistas, ben bonitas, austeras, de deseño... (como se pode ver na foto).

Tampouco faltará hoxe o tradicional sorteo da lotería, coincidindo tamén, neste día 22, co famoso sorteo nacional. “Repartimos os nosos propios boletos e, coma no resto de actividades, cada grupo estará na súa aula e haberá unha persoa encargada de ir sacandos os números do bombo, unha acción que se emitirá para todo o cole”, describe Ruíz.

O que non poderán facer é a tradicional xuntanza todos arredor dun banquete para degustar produtos típicos do Nadal. “Isto non será posible porque implicaría ocupar un espazo común co alumnado dos distintos cursos. No seu lugar, pedimos ás familias que lles prepararan para hoxe unha merenda un pouco especial, con algún doce de Nadal”, conta a mestra desde Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP), que participa no proxecto de xornalismo escolar FARO_DA_ESCOLA.

En definitiva: cada grupo na súa aula pero todos xuntos a través das pantallas. “Trátase de apoiarnos na tecnoloxía para poder manter a cohesión de todo o centro e celebrar igualmente”, engade Ruíz.

Calendario de advento.

Presentación dos padriños  do proxecto de lectura ‘por streaming’

Tamén era agora, antes do inicio das vacacións, cando no CEIP de Laredo facían as presentacións dos padriños do particular proxecto de lectura do centro. “Cada ano, os más maiores, de 6º de Primaria, apadriñan nenos de Infantil para acompañalos nos procesos de lectura. É un xeito de animar a ler, máis entre iguais, que levamos a cabo no centro. Pois agora, en lugar de ser presencial, co desprazamento dos maiores a aulas dos pequenos, farase igualmente pero, coma o resto das actividades, por pantalla. E desvelaranse igualmente os nomes”, conta Ruíz sobre o programa de acompañamento á lectura.

O Apalpador en debuxos

Calendario de advento, o Apalpador e tarxetas con dedicatorias

O calendario de advento non faltou este ano no CEIP de Laredo, coas particulares sorpresas diarias en saquiños como preparativos para o Nadal. Tampouco faltou, como non podía ser doutro xeito, o Apalpador. E os alumnos e alumnas crearon as súas particulares tarxetas e postais de Nadal. “Non queremos perder os costumes e son dinámicas que se van instaurando ano tras ano e que eles mesmos demandan”, indica Ruíz. Hoxe é un día de celebración en todos os colexios e institutos. Así que, Bo Nadal!

Postais elaboradas polo alumnado