Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

This browser does not support the video element.

A fotografía de Alice Austen no Museo municipal Quiñones de León.Elías Regueira

A fotografía de Alice Austen no Museo municipal Quiñones de León.Elías Regueira

Desfacer o xénero

A fotografía de Alice Austen

A mostra Alice Austen. Desfacer o xéneropresenta no Museo municipal “Quiñones de León” a obra fotográfica da norteamericana Alice Austen (1866-1952). Trátase dun conxunto documental que procede da Alice Austen House de Nova York e que, ademais do indubidábel interese desde o ámbito estético, fornece excelentes exemplos da situación da fotografía nas décadas finais do século XIX e presenta un relato das experiencias máis avanzadas das mulleres nesa mesma altura desde a perspectiva da superación dos roles de xénero.

Estamos perante un auténtico documento de vida que permite enxergar o mundo da autora, da familia e das amigas, coas que partillou afectividade e unha vontade innovadora que cuestionaba as imposicións sociais do seu tempo, nunha traxectoria vital que se desenvolveu na área de Nova York.

O discurso artístico de Alice Austen xorde da relación entre a experiencia vital e creativa e a condición feminina e incorpora á súa obra accións teatralizadas, hoxe diriamos performativas, que ironizan sobre as convencións sociais dos xéneros. As imaxes aluden constantemente a unha muller cuxa acción está condicionada pola ollada do outro mais nunca resignada. Este tipo de traballo, ligado aos movementos feministas de finais do XIX, parte de procesos analíticos e autorreflexivos, que entenden a actividade creativa vinculada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto sociocultural, aspectos que inciden na escisión persoal como fonte de creatividade.

Alice Austen. Desfacer o xénero

12

A exposición lémbranos que a utilización das artes plásticas como linguaxe ao servizo da intervención social conta cunha longa tradición na Historia da Arte. Na obra de Alice Austen os procesos de análise e creación ligados ao feminismo e á desmontaxe das estruturas patriarcais desenvólvense desde esta tradición, cunha vontade de transformar a vida, xogando o deporte un papel central nesta conquista da liberdade para corpos e mentes. De feito, Alice Austen creou coas súas amigas e a coa súa compañeira composicións de accións performativas que loitaban contra os estereotipos e as normas, presentando unha pautada retórica da representación, o que transmite unha intensidade especial ás fotografías e deixa en evidencia a sorpresa da propia imaxe.

Tanto nas súas series como nas fotografías realizadas para o libro Bicycling for Ladies -un manual de uso da bicicleta- revélase a posición vangardista da norteamericana fronte á sociedade en que lle tocou vivir. Neste sentido, a situación da muller e dos dereitos dos non heterosexuais conforman un pano de fondo e son factor fundamental e elemento iconográfico constante, aínda que non único.

Unha das fotografías que se poden ver na mostra.

O efecto de conxunto, pola centralidade do corpo e a identidade feminina, provoca en primeiro termo a reflexión. A representación das mulleres preside a maioría das obras, con manifestas evidencias que serven para afondar no universo feminino e na alteridade como vizosa fonte de vida, de creación. Os silencios, os ocultamentos, as veladuras, que historicamente coutaron o mundo feminino e o homosexual, como materia e fonte de creación autorreferenciada, podémolos aquí percibir e seren cuestionados con toda claridade nunha artista que rebate os modelos sociais dominantes.

  • Título: Alice Austen. Desfacer o xénero.
  • Autora: Alice Austen
  • Local: Museo municipal “Quiñones de León"Parque de Castrelos, Vigo.
  • Até o 31 de marzo de 2024

Alice Austen. Desfacer o xénero lémbranos que estes procesos analíticos e creativos, tan presentes na arte actual, foron obxecto de análise para moitas creadoras tamén no pasado, sendo abondosas as artistas que con toda claridade rebaten os modelos sociais dominantes. A finais do XIX e inicios do XX as novas olladas eran froito dunha sociedade en evolución intensísima e que tentaba romper barreiras e abrir físgoas de liberdade desde a radical posta en cuestión dos roles sociais e sexuais, seguindo fórmulas dunha enorme intensidade experiencial e conceptual.

Neste sentido, non debemos esquecer que a arte sempre ten un compoñente de pulsión e con temas como a identidade feminina este aspecto fica aínda moito máis resaltado, co corpo cunha importancia singular e coa sexualidade, máis ou menos explícita, como preocupación relevante, entendida desde toda a súa pluralidade, pero especialmente como fonte de reflexión sobre os diferentes roles sociais impostos.

Mais é sobre todo o que ten de cuestionamento, de radicalidade do discurso, o que caracteriza a obra de Alice Austen. A ollada sobre un tempo que non é tan distante do noso seméllanos, cando contemplamos a exposición, como precursora e dunha riqueza de suxestións moi considerábel. Vemos unha sociedade nunha evolución intensísima e unhas mulleres que tentan quebrar muros e crear espazos de liberdade desde a absoluta posta en cuestión dos roles sociais e sexuais, un proceso dunha forte intensidade que os documentos fotográficos transmiten por medio dunhas obras de enorme riqueza de matices.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.