Móstrase convencida de que as vindeiras eleccións non estarán tan polarizadas coma as do pasado 14-M, e que os nacionalistas terán a última palabra. Olaia Fernández Davila, cabeza de lista do BNG ó Congreso por Pontevedra, asegura que a presenza do Bloque na Xunta e en Madrid será "vital" para Galicia, porque obrigará o Goberno a negociar cos galegos. Fala para FARO dos seus proxectos no Parlamento.

-Vese que non para un intre. ¿A cantos actos chegou a ir nun só día?

-Pois depende, se son mitins, dous ou tres nalgunha ocasión. Pero todo isto está combinado con entrevistas en medios de comunicación, con reunións coa organización para activar a campaña... Pero isto dende o día 22 cambiou, ¿non? Xa está acto sobre acto, pero mitins, dous por día si, concretamente o domingo e o sábado.

-A campaña comezou a súa recta final, ¿en que difiren estes comicios respecto ós anteriores para o BNG?

-Para o BNG é que son máis importantes quizá que noutras ocasións porque o feito de termos demostrado na lexislatura pasada que ao ser decisivos podíamos determinar a política do Goberno do Estado cara Galicia, xunto co que nestes momentos estamos compartindo o Goberno galego e temos ademais consellerías importantes, pois ese significado é maior na medida en que a coordinación destas dúas políticas, o noso papel na Xunta e o noso papel en Madrid, é de vital importancia para a propia Galicia. Se chegamos a ser decisivos de novo, evidentemente iso beneficiará en moito o país. Por iso é moi importante conseguir un mellor resultado do que tivemos hai catro anos.

-A maioría das enquisas falan dun "empate técnico" entre PSOE e PP. ¿Estámonos esquecendo do papel que xogarán os nacionalistas á hora de formar goberno?

-Eu creo que toda a información que se nos pasa de enquisas, porque enquisas aínda non se nos pasou francamente algunha en serio, nada máis que algo do CIS, están orientadas a visualizar só dúas alternativas políticas nesta campaña electoral, por iso se fala do empate técnico. Pero o certo é que o feito o demostra a lexislatura que rematou, que unha configuración no congreso dunha maioría que estea apoiada por distintos grupos políticos é máis representativa da pluralidade do Estado.

-¿Verémolo AVE nesta lexislatura ó fin?

-O Eixo Atlántico tería que rematar nesta lexislatura. Nós dicímolo con total claridade, que se no Congreso non hai alguén que puxe por isto, que empuxe, pois non o sei, e dígoo con toda sinceridade. A defensa que fixo o BNG tanto na cuestión orzamentaria, concretamente no que é o tramo Pontevedra-Vigo, que logramos 40 millóns de euros entre o ano 2007 e 2008; como na saída sur, que está nas condicións nas que está porque tamén o BNG presentou iniciativas nesta dirección, foi determinante. E tamén fomos tremendamente persistentes na execución desas partidas presupostarias, en definitiva das obras. Con este seguimento no Congreso se se rematará a lexislatura coas obras do Eixo Atlántico feito. O AVE, no que se entende Galicia-A Meseta, concretamente Madrid, estará moi avanzado, acurtaranse horas de viaxe, pero nós non dicimos que no 2012 estará rematada esa obra. Con este seguimento, o que dicimos é que ten que ser no 2014 ou no 2015. Nós non imos contar fantasías.