O director xeral de R, Alfredo Ramos, leva case toda a súa carreira profesional vencellado á firma galega do cable, unha empresa que xurdiu en 1998, "cando internet estaba a nacer, nas mesmas datas que grandes empresas como Google ou Netflix". Ramos remarca insistentemente que a firma galega está "moi pegada ao territorio", que é a súa "prioridade" e "unha das chaves do seu éxito" nestes vinte anos.

- Leva dende o comezo na empresa. Que supuxo económicamente e para a sociedade galega o nacemento de R?

- No seu momento foi un gran reto. Había moitas incertezas pegadas á apertura do mercado das telecomunicacións en España ao calor da cal no seu día o Grupo Gallego de Empresas para el Cable gañou as tres licencias que se outorgaron en Galicia: A Coruña, Santiago e parte do resto de Galicia. Despois consolidámolo nun único proxecto. Vinte anos despois temos preto dun millón de fogares e empresas de Galicia en condicións de ter fibra óptica, 101 concellos onde a nosa rede de fibra está dispoñible e segue a ser a máis capilar de Galicia. Nestes 20 anos fomos parellos ao desenvolvemento da sociedade da información en Galicia e no mundo. R é hoxe un actor fundamental da transformación dixital das empresas e da sociedade galega en xeral.

- Foron moitos cambios...

- Todo comezou cun proxecto, un plan de negocio, en papel, de cero a 1.200 millóns de investimento nestes 20 anos na nosa comunidade. É unha iniciativa vertebradora do territorio en canto a infraestruturas e que permite ás nosas empresas e fogares contar con tecnoloxías de primeiro nivel mundial.

- Que diferencia hai entre o que ofrecía e ofrece R fronte aos seus competidores?

- R pode dividirse en tres momentos. O primeiro é o fundacional, de 1998 a 2006, onde inventamos unha nova categoría de servizos, aquelo de R teléfono-internet-televisión e os combos, que é un invento de 1999? Outros viñeron moito despois co tema da converxencia, pero tiñamos claro que o posible éxito da compañía era facer as cousas dun xeito diferente. Os atrancos eran a dispersión da poboación en Galicia e un poder adquisitivo máis baixo, o que facía o reto aínda maior. Dende o comezo tratamos de dar máis por menos, de aí a converxencia: un contrato, unha única factura, un servizo de atención aos clientes? e proximidade con eles.

- Ata que punto hai independencia na xestión con Euskaltel?

- Máis que independencia é coincidencia na filosofía. Somos tres proxectos con diferencias pero con factores de éxito comúns. Estamos a buscar sinerxias e a especializar a xente. Ao mercar terminais de móbiles temos máis capacidade de compra ou ao adquirir contidos das majors americanas, co que poderemos lograr mellores prezos que nos permitan dar un mellor servizo aos clientes. É unha integración buscando o mellor de cada casa, non unha centralización, como podería pasar se nos incorporasemos a calquera outro actor do mercado. As tres sociedades do grupo (R, Telecable e Euskaltel) mantemos as razóns sociais, as operacións, impostos, etc., pegados aos territorios e buscamos manter os compromisos que temos con eles e aproveitar a nova escala, o tamaño do grupo, para obter vantaxes que redunden en melloras de servizos para os nosos clientes.

- Entre os retos da empresa está entrar en mercados como Castela e León?

- É un tema que está aí. Abordaremos oportunidades que se presenten, pero a prioridade é seguir a medrar en Galicia. A nivel de grupo arrincamos por Navarra a expansión e seguimos a avaliar o momento óptimo para entrar noutros territorios. A prioridade é Galicia, onde seguiremos a investir, pero non descartamos expandir a marca a outros territorios.

- A fibra óptica de R está en 101 concellos. Chegará nalgún momento ao 100% ou pola orografía é impensable?

-Hai que buscar solucións complementarias. É inviable económicamente levar a fibra ata o último recuncho. Investimos máis de 1.200 millóns nun proxecto que permite a un millón de fogares ter fibra ao seu alcance. Faltaríanos medio millón de fogares, sobre o 40% da poboación, e habería que investir outro tanto, mínimo, para logralo.

- Está preparada R para afrontar o futuro?

-Sí. O tamaño do grupo permítenos medrar mellor. Agora o que máis medra no sector é todo o que ten que ver coa intelixencia artificial, coa busca de cousas para mellorar as nosas condicións de vida. R é un actor relevante en todo este novo mundo dos datos. Antes as empresas mellorabamos por nós mesmas e cos nosos proveedores, agora están a mellorar por elas mesmas, cos proveedores, os clientes e novas fontes de mellora como as start-ups ou colaboradores.