Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xabier Méndez, diante do seu belén. | // FOTOS: D.G.A.

O exemplar sancristán de Sello

Ademais de axudar en todo o relativo ao culto e de montar un grande belén de Nadal, Xabier Méndez compila a memoria desta parroquia lalinense para escribir a súa historia

Xabier Méndez, un veciño do lugar de Horta, na parroquia lalinense de Santiago de Sello, que vai camiño dos oitenta anos, é un dos máis dun cento de sancristáns que ocupan este cargo en Deza, un labor a prol da parroquia que máis ca un traballo é unha dedicación altruísta, escasamente recompensada e, as máis das veces, ata pouco recoñecida por algúns veciños.

A igrexa de Sello pasa por ser unha das maiores da comarca.

O labor no que o noso prezado amigo Xabier leva máis de trinta anos, dende que estivera no Seminario de Lugo estudando para crego, consiste en axudar ao párroco na liturxia, tocar as campás, cobrar as cotas aos veciños para mantemento da igrexa e do camposanto, limpar o templo –que no caso de Sello é un dos de maiores dimensións da comarca– e calquera servizo ou subministro que se precise para o culto e a conservación da igrexa parroquial.

Pezas da vella igrexa reaproveitadas en casas.

De entre estes labores, un dos máis gratos para Xabier é a montaxe do grande belén cando chega o Nadal. Un nacemento de figuras no que non falta detalle e que para o noso home precisa tres xornadas de traballo completas, xa que non permite nin necesita axudas.

No retablo barroco móstranse antigas imaxes.

Pero sen dúbida o traballo máis excepcional deste dilixente sancristán é a compilación que está a levar a cabo da historia da súa parroquia natal. Nunha grosa libreta e co título Memorias da parroquia de Sello, vai apuntando a man os principais acontecementos da parroquia dende tempo inmemorial, os que aparecen nos libros da igrexa, os que lle contan os máis vellos do lugar e os que garda na súa privilexiada memoria. No afán de divulgalos e axudarnos no noso labor de cronista, achegounos tempo atrás o seu arquivo no que atopamos interesantes apuntamentos da igrexa, das festas, dos apeiros de labranza, dos labores, da facenda, dos curas, das pestes ou das obras comunais que pouco a pouco tentaremos ir publicando neste e noutros medios.

Detalles da igrexa

Coñece con detalle cada recanto da igrexa e dos seus tres altares. No principal, de grandes dimensións, con andamios para colocar e limpar as imaxes, están na parte superior as do patrón Santiago Matamouros, flanqueado por Santa Ana e a Virxe do Perpetuo Socorro; no medio, o Sagrado Corazón coa Virxe do Carme e San Xosé a un e outro lado. Nun dos retablos laterais, que vén sendo o máis antigo dos tres, de feitura barroca, está San Gregorio, unha vella talla procedente da capela que o santo tivo no monte de Mouroces, outra do Arcanxo San Gabriel, a Virxe de Fátima, San Roque e San Antonio; e unha talla da Santa Apolonia, que disque doou a criada dun cura vello hai máis de cen anos e á que lle facían festa na que a Banda do Gregorio tocaba unha peza exclusiva. No terceiro dos retablos, este de nova feitura, que ocupa un lateral da nave, están tres representacións da Virxe: a Inmaculada, a das Dores e a do Pilar.

Na sancristía hai un antigo Cristo e unha ben tallada mesa, e no camposanto, varios panteóns e sartegos de curas e fidalgos das casas de Fontecabalos, do Corvillón, do Valado ou de Erbo, dos que Xabier sabe dar conta con detalle. Da antiga igrexa románica nada queda, ao ser desfeita para construír a actual a finais do século XIX. Algunhas ben labradas pezas podémolas ollar reaproveitadas nas casas veciñas, o retablo principal foi parar á igrexa de Santa Mariña de Cangas e unha imaxe románica da Virxe sedente roubárona os ladróns no ano 1982, segundo nos contou Xabier.

Con este artigo queremos loar publicamente a angueira deste sancristán exemplar e animalo para que continúe co mesmo empeño e dedicación neste mester e, ao mesmo tempo, recoñecer con el o entusiasta labor doutras persoas que nas súas respectivas parroquias traballan neste cometido de forma altruísta a prol da súa comunidade veciñal.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.