"As Administracións Públicas, no exercicio das súas competencias, adoptarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas u outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoais ou colectivas, do levantamento militar, da Guerra Civil e da represión da Dictadura" (Artigo 15, Lei 52/2007 do 26 de decembro, da Memoria Histórica).

Por que reproduzo a literalidade dista normativa? Pois, xa que é o fundamento xurídico no que se asenta a proposición de Vox, sostida polo PP e Ciudadanos, no Concello de Madrid para retirar das súas rúas os nomes e estatuas adicadas a Largo Caballero e Indalecio Prieto. Vaia maneira de torcer o Dereito! Tanto un coma o outro, elexidos democráticamente, acadaron altos cargos, ministerios e presidencia gubernamental na II República. Unha República que sufríu un levantamento militar, que propiciou unha sangrenta guerra civil, e logo, tralo trunfo dos sublevados, tivemos que soportar unha longa e represora dictadura. Resumindo, nin a Largo Caballero e nin a Prieto pódenselle atribuír ser autores ou cómplices dun levantamento militar, dunha Guerra Civil na que tiveron que defender a legalidade e lexitimidade do réxime republicano, e dunha represión na que foron víctimas e non victimarios.

A exposición da proposta está alonxada do eido da historiografía. E toda unha ristra de clichés do revisionismo histórico duns falsos historiadores, que alimentou a dictadura e segue alimentando a clase política legataria do pensamento franquista. O manual ao uso propagandístico do nazi Goebbels.

Hoxe xa hai abondosa bibliografía historiográfica, tanto de historiadores nacionais coma estranxeiros, que rebaten as teses dos seudo historiadores do revisionismo, grazas á desclasificación de documentos oficiais levados a cabo noutros países.

Coma resposta a esta iniciativa da dereita política carpetovetónica, inimiga da democracia, simpatizante do nazismo e o feixismo, caseque un centenar de expertos da historiografía, profesores e catedráticos, españois e estranxeiros, veñen de subscribir nun Manifesto do 6.10.2020, rebatindo unha a unha as manifestacións espurias desenroladas no escrito da proposición feita polos promotores da retirada de calquera distinción a dous dos máis senlleiros personaxes da II República.

É toda unha proposta indecente. Lembrando a Antonio Machado, estes promotores asemellan ser herdeiros daquela Castela excluinte que en farrapos despreza canto ignora. Hoxe, farrapos infestados, cecáis, por unha cepa, noutrora descoñecida, do Covid-19. Cando se atopará a vacina profiláctica que os inmunice?