28 de abril de 2017
28.04.2017
cartas al director

Seitureiros da Galiza que vén

28.04.2017 | 03:06

Soñando e bailando vou ó agarradiño coa vella noiva miña, a gadaña. Fíxose ela miña e eu fíxenme dela pra xuntos executarmos en acorde louzanía ritmos valentes na campía.

Da rexa póla do carballo é ela filla e máis do tempero da forxa.

Nas cinguidas idas e vindas escintila o seu gume, ben cravuñado na zafra, ós pés do verde abondoso da pradaría.

Brazadas do tenro e tremente herbal vanse paseniñamente deitando no chan mol, ó axustado e esforzado paso da inconsútil parella que avanta, formada por nós os dous.

Nin o refulxente astro solar enriba nin a irmá suor na fronte son quen de deter a laboura compacta e rítmica do noso esforzado segar.

Tris... tras!, ir... e vir!, adiante... e volta de novo!, comezar e recomezar no estreito e pendular impulso do axustado avantar!...

Infinda semella a tarefa, mais os soños non son menos.

Colgado da faldriqueira levo o meu corazón, rebulindo e latexando no oco corno vacún.

É, si, enxebre e lixeira a nobre ferramenta, mais é forte e resoluta a teima de liberarmos Galiza de medos antigos e de nefandas historias padecidas.

Ante o lóstrego da gadaña, asubiantes foxen cóbregas escuras sen seren agora quen de malferir os calcaños.

Veleno antigo teñen elas e saben ben o mal que fan.

Mais a liberdade é inviolábel e alenta a frescura do noso pulo ancestral, sempre novo.

Vibrantes e afoutos pairan moi lonxe antigos aturuxos no ar. Portan eles consigo a balbucinte, enxebre e ferida voz de xeracións perdidas.

Non son eles laios rendidos, senón aguilloada comunal cara á loita renovada. Son a lideira nosa de sermos, de non perdermos canto de noso temos por térmolo nós mesmos herdado.

Por térmolo recibido como sagrado galano desde a noite dos tempos idos. Lingua, si, a nosa. Terra, si, a nosa. Mar, si, o noso. Nubes e ceos, os nosos. Xentes, si, as nosas e cantas queiran compartir connosco o herdado e comunal xeito de vivirmos e morrermos.

Non queremos ser birollos, fendidos no medio e medio, nesa mesma cerna nosa, estraños a unha terra transmutada e descomposta por alleos intereses.

Pleno dereito temos a iso fronte a cantos nos ceiban solermiños asubíos pra nos facermos coma eles.

Queremos ser o que somos na terra nosa, como tamén vós quereredes ser o que sodes na vosa!

Traballa, pois, arreo, cravuñada gadaña miña, limpando a seara nosa!

Ós roibéns do horizonte final chegará o sol, señor do día, pouco antes de os morcegos empezaren a executar a súa silente danza nocturna. Á fin chega el sempre.

E cando albisque eu a destemida, "a da gadaña", formulareille sen medos, si, os meus respectos. Non sen antes lle pregar, porén, que teña a ben ofrecerlle a noiva gadaña miña, sen mando agora xa e sen mans que a sosteñan, a quen a poida unha vez máis cravuñar e dela se namorar...

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine