O Concello de Arbo rende homenaxe a José Méndez Parada dándolle o seu nome ao canellón que vai dende a Praza do Mercado á Praza do Consistorio. “Canellón do Parada” en recoñecemento a Jóse Méndez Parada polo seu labor autodidacta, emprendedor e referente veciñal da súa época

Méndez Parada nace na Granxa e con 14 anos emigra a Bos Aires e desde alí trasládase a Habana onde pon en marcha o seu propio taller de carpintería mecánica e é un dos fundadores das sociedades “Hijos del Ayuntamiento de Arbo” e “Solidaridad Pontevedresa”. Aos 40 anos volve a Arbo e abre un establecemento de ultramarinos e ferraxaría. Coa finalidade de ampliar a súa actividade comercial e empresarial, inaugura a “Fábrica de camas estilo inglés” – “La República”, que vendía a diferentes puntos de Galicia e España. Entre 1950 e 1962 a actividade comercial céntrase na fábrica de taboleiros escolares de pedra natural.

Outra faceta destacada foi a súa sapiencia coma “agrimensor popular”, ademais por encargo do Concello de Arbo, fixo o “amilloramento” das veigas. Unha das últimas encomendas desenvolvidas foi o encargo de xestionar os pagos e redencións do foro denominado “La granja de Arbo y agua da Vila”. Logo das eleccións de maio de 1931 forma parte da vida municipal da II República en Arbo.