A Deputación de Pontevedra e a editorial Alvarellos lanzan un libro pioneiro sobre a historia do Castelo de Soutomaior, dende a súa orixe ata a actualidade. “O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias”, do historiador e arqueólogo Diego Piay, presenta documentos, planos, fotos e imaxes inéditas e descoñecidas ata a data, e inclúe na contraportada un gravado de Carmen Babiano Méndez-Núñez.

Aínda que non é o primeiro libro sobre a historia do castelo, porque este foi escrito por María Vinyals en 1904, si se trata do único que recolle a evolución do castelo dende o século XII ata hoxe e emprega todas as fontes de investigación dispoñibles na súa elaboración.

Trátase dunha obra ilustrada que está enriquecida con anécdotas e informacións tamén descoñecidas e que o converten en pioneiro ao empregar hemerotecas, bibliografía e mesmo fontes orais para reconstruír a historia.