O auditorio de Chapela foi o escenario da entrega dos premios do I Concurso Interescolar de Poesía Visual de Chapela, iniciativa impulsada polo poeta David Fernández Rivera froito dos talleres de poesía visual que impartiu, neste curso escolar, nos centros educativos da localidade.

Valentina Jaen coa obra Aínda que non o pareza a luz segue brillando, acadaba o primeiro premio; Hugo Ballesteros con Choiva de palabras facíase merecedor do segundo premio mentres que o terceiro era para Ricardo Santos coa obra A Fronteira. Valentina Jaen, como gañadora do certame, recibía un trofeo que consistiu nun poema visual de David Fernández Rivera construído en metacrilato especialmente para a ocasión.

A actividade, que partía dunha iniciativa conxunta das concellerías de Cultura e de Ensino, foi ben acollida polo CEIP Alexandre Bóveda e o CEIP de Laredo, cuxo alumnado demostrou cos seus poemas os coñecementos adquiridos nos talleres de poesía visual.

O concurso, no que participaron estudantes de quinto e sexto curso de Primaria, foi levado a cabo coa vontade de que, entre outros acometidos, "o alumnado desenvolvese a súa creatividade máis aló do aprendido na aula contorna á poesía visual, un tipo de poesía na que prima a imaxe sobre o texto, podendo chegar a substituílo por completo; en definitiva, unha poesía para gozar coa retina", sinalan dende o Concello de Redondela.

Ao longo dos últimos anos, David Fernández Rivera demostrou que a poesía visual é unha ferramenta con grandes virtudes pedagóxicas de fronte ao desenvolvemento da creatividade e pensamento crítico dos nenos, unha ferramenta coa que consegue encher de entusiasmo e imaxinación cada unha das aulas que visita.

No acto de entrega dos galardóns participaron a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, ademais do propio Fernández Rivera.