Rapazas de entre 16 e 20 anos con carácter, que falen galego e que conten con acento de puntos da costa como a Costa da Morte, Arousa ou O Morrazo. Eses son os dous perfís que está buscando a produtora catalana independente Setembro Cine para o vindeiro traballo da directora Sandra Sánchez, titulado “A nadadora”. As características anteriores son chave para as dúas personaxes, máis incluso que o feito de que as aspirantes poidan contar con experiencia interpretativa, a cal non é necesaria, xa que se lle dá a benvida a todas as que queiran probar sorte. Na produtora son conscientes de que non é un obxectivo sinxelo, debido á sustitución lingüística que acontece nas vilas, pero confían en dar coas dúas persoas que buscan.
Inscribirse no casting pódese facer a través do mail casting@setembrocine.com ou a través dun QR con un formulario de contacto no que se piden os datos máis básicos de contacto, así como unha foto e un vídeo de presentación. As menores de idade necesitan dun permiso paterno para poder presentarse. Se se supera este casting online, o presencial terá lugar no mes de maio nesas tres localizacións: Costa da Morte, Vilagarcía e Cangas.
As elixidas tamén contarán coa axuda dun lingüista especializado, xa que o obxectivo é que falen na grabación como unha rapaza nova que vivía na Costa da Morte nos anos 90. Será nesa localización onde se vai grabar a película abordando un tema tan delicado como foi o impacto da droga en varias xeracións de mozos en vilas pequenas da costa galega, onde se perderon moitas vidas. Nese marco, unha rapaza moi botada para adiante chamada Nico, pertencente a unha familia desestruturada, busca a fórmula de fuxir dese pobo para voar. A película comezará a grabarse ao longo do vindeiro verán. Setembro Cine é una produtora de cine independente que produce e coproduce longametraxes de ficción, fundada en 2014 por Fernanda del Nido e con base en Cataluña, e que conta entre as súas películas co talento de directores como Pablo Larraín ou Icíar Bollaín.