Os nenos da Illa explican como é unha dorna

Participan no programa “Dígocho eu” da TVG como finalistas do seu concurso

Grupo de rapaces do IES Illa de Arousa en pleno recibimento a Esther Estévez na praia da Canteira.

Grupo de rapaces do IES Illa de Arousa en pleno recibimento a Esther Estévez na praia da Canteira. / Noé Parga

A. G.

Foron un dos seis centros de toda Galicia que resultaron elixidos como finalistas do concurso do “Dígocho eu, un programa da TVG centrado na promoción da lingua galega. O motivo desa selección foi o traballo que fixeron 42 alumnos de 3º da ESO do IES, un traballo no que recopilaron máis dun cento de nomes que se recollen para as diferentes partes dunha dorna, a embarcación tradicional por excelencia na ría de Arousa. Nesa escolma resultaron clave as achegas dos integrantes da Escola de Navegación Tradicional, a colaboración da Concellería de Educación que dirixe Elena Otero e as charlas que os alumnos e os mestres do departamento de Lingua Galega do IES tiveron con antigos carpinteiros de ribeira.

A proposta convenceu aos responsables do programa que presenta Esther Estévez que desembarcaron, nunca mellor dito, na Illa no día de onte, en concreto na praia da Canteira, no Bao, onde acostuman a situarse as dornas no verán para as competicións que se organizan nesa época. Ademáis, Estévez descubriu xa nese momento unha palabra nova para o seu programa, a palabra “chinchorro”, en referencia á embarcación auxiliar que a trasladou ata a dorna que a volvería a levar a terra durante a grabación do programa.

Esther Estévez subida a unha das dornas da Escola de Navegación Tradicional.

Esther Estévez subida a unha das dornas da Escola de Navegación Tradicional. / Noé Parga

No desembarco na praia da Canteira agardábana os alumnos do IES da Illa, que a trasladaron ata as dependencias do Centro de Usos Náuticos, onde a Escola de Navegación Tradicional tiña preparada unha dorna para percorrer todas e cada unha das táboas que a compoñen. De feito, os rapaces descubriron que, ao tratárense de pezas tan específicas, case todas teñen o seu propio nome, algo que non dubidaron en explicarllo á cámara e a Estévez.

A retransmisión do programa que se gravou onte está prevista para o mes de marzo, algo que os rapaces agardan con ansia. Helena Domínguez, mestra do departamento de Lingua Galega do IES da Illa, recoñecía onte que “ver a unha persoa como Esther Estévez é algo que lles fixo moita ilusión aos rapaces, un premio a todo o esforzo que fixeron nesta recopilación de nomes e datos sobre as embarcacións tradicionais”.

Este proxecto arrincou co inicio do curso, cando os mestres se decataron do amplo descoñecemento dos alumnos por unha embarcación que moitos ata podían ter na casa, como era a dorna.

Así que se puxo en marcha a iniciativa non só coa intención de que os rapaces puidesen coñecer esta embarcación, senón para que puidesen descubrir todo o léxico que a rodea.

Durante a recompilación, na que se recolleron entre cen e douscentas palabras, non só se centrou nas cadernas da dorna, xa que os rapaces tamén recolleron termos como “meo” e “couso”, as formas de dicir estribor e babor polos mariñeiros de antes.

A maiores, tamén coñeceron a importancia que tivo a dorna na economía local, chegando a ser o que aportaba un home ao matrimonio hai un século, xa que a embarcación era o sinónimo de sustento para a familia que se ía crear.

Suscríbete para seguir leyendo