O deseñador gráfico Xosé Díaz Arias de Castro ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como membro numerario da sección de artes da imaxe durante un acto na Fundación Luis Seoane da Coruña. Xosé Díaz (A Coruña. 1949), que actualemente dirixe a empresa "Imago Mundi Diseñ"leu un discurso titulado "Enriquecer ao mundo coa nosa diferenza. Contribución de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo ao deseño galego do século XX".

Xosé Díaz tratou de transmitir co seu discurso de ingreso a importancia que Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, seu pai, tiveron no progreso do deseño galego do século XX. O discurso de Díaz guiouse a través dunha serie de relatos curtos que describen como Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo crearon o Laborario de Formas de Galicia.

Empregou detalles históricos ou aventuras literarias de diversos autores para relatar a evolución do pensamento de ambos. En concreto, a súa narración comezou cunha breve anécdota que Ulises narra no canto IX da Odisea de Homero sobre o retorno ás orixes e a importancia da memoria. Con esta aventura homérica, Díaz introduce un "preludio alegórico" sobre a obra e o pensamento deseñístico de Seoane e Pardo.

Tamén desvelou momentos concretos nos que Seoane e Díaz Pardo se intercambiaron correspondencia para ir dándolle forma ao manifesto, declaración de principios ou texto fundacional do Laboratorio de Formas de Galicia. Desde a cidade de Bos Aires, Seoane escribía nas súas continuas cartas a Díaz Pardo a necesidade de demostrar a importancia que tiña a diferenza nas formas que había que configurar na Galicia do século XX.