Morreu o xeneral da Garda Civil Manuel Ferreiro Losada. Estou aflixido, e coma min outros, pola perda do amigo e valedor da lingua galega. Adoitaba dicir, parafraseando ao Balbino de "Memorias dun neno labrego", que el era un neno de aldea. Outras veces referíase ao seu lugar de nacencia pedíndolle de prestado o título do poemario a Celso Ferreiro, dicindo que era de onde mundo se chama Celanova. Os emprestamos literarios evidenciaban unha reverencial admiración polas obras de Xosé Neira Vilas, a quen tiven a ocasión de presentarllo, e de Curros Enríquez, que recitaba coa súa proverbial memoria. Pero a moi poucos lles dixo Manolo Ferreiro que o seus eidos nativos eran os de Xixín, unha aldeiña da parroquia celanovesa de Bobadela, ao pé da torre de Vilanova dos Infantes.

Foi alí, ao pé da vella lareira da casa petrucial onde aprendeu a falar a lingua galega cos seus xiros peculiares das terras de Celanova, que utilizaba para as demoradas conversas que mantivemos para falarmos da necesidade de facer oficial o que era real na vida dos garda civís: a lingua galega.

Coñecía perfectamente a idiosincrasia dos gardas civís, porque a meirande parte "é xente do pobo e non falan outra lingua que a galega; por iso son partidario de que no corpo se forxe un clima favorable á cultura galega", dicía.

Durante ben tempo foi xeneral-xefe da Garda Civil en Galicia, cadrando nun tempo con Luís Manuel García Mañá, xefe superior da Policía Nacional e Carlos Varela, Fiscal Superior de Galicia. Axiña fixeron moitas migas, apoiándose recíprocamente. Foi un triunviro que só se dan de cando en vez na historia. Cantas arelas cumpridas e proxectos por realizar! Coa cordialidade e entusiasmo que inspiraba Manolo Ferreiro fomos quen de argallar maneiras para levarmos aires de galeguidade á Policía e Garda Civil. E ben que se notou -e tanto!, dicía el- durante aqueles anos.

Manolo Ferreiro, sempre disposto e servicial coa causa da galeguidade acudía a cantos actos celebrabamos, unhas veces protagonizados pola Irmandade Xurídica Galega; outros pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; polo Foro E. Peinador, ou acudindo ás convocatorias da Asociación de Amigos do Couto Mixto. Alí estaban sempre Manolo e a súa muller, Pilar.

Pero gardo especial lembranza de dous deles. Un, no Hostal dos Reis Católicos en Santiago no 2007 co gallo da presentación do libro "En galego, con toda seguridade", e o seminario que celebramos con todos os mandos dos corpos e forzas de seguridade no mosteiro de Aciveiro para debatermos as posibilidades de normalizar a lingua galega nelas, no inverno dese mesmo ano.

O acto do Hostal non ten precedentes en ningunha das comunidades autónomas con lingua propia. Máis de douscentos garda civís e policías nacionais e locais, con uniforme de media gala, formados cos seus xefes ao fronte, entraron na Capela Real para seren protagonistas dun feito histórico sen precedentes. Presidían os presidentes da Xunta de Galicia e Parlamento de Galicia e outras autoridades. A parte musical, apoteósica, puxérana o comisario-xefe de policía de Ourense, Ángel Barrera, que é pianista, e o solista e policía nacional Xosé María Albán; ambos os dous xa xubilados. Interpretaran o "Coro dos escravos" da ópera Nabucco e o Himno Galego.

Na quenda das intervencións, Manolo Ferreiro, a quen recordaremos sempre,dixo:

"Cando me propuxeron pronunciar un breve parlamento, non o dubidei, e máis sendo representante dunha institución tan apegada á nosa terra e ás nosas xentes.As linguas teñen un grande significado na identidade dos pobos, un espírito aglutinador, e hoxe desde esta tribuna fago votos porque a fala de Lugrís, de Rosalía, de Curros, de Pondal, e doutros tantos e tantos ilustres, sirva para que como irmáns falemos todos a nobre fala galega".

Manolo Ferreiro xa está nos anais da historia da lingua galega.

O seu pasamento tráeme a memoria doutro xeneral, Gonzalo Jar Couselo, home de fondas conviccións democráticas, progresista e galeguista, tamén falecido no ano 2007.

* Presidente do Foro E. Peinador