Resulta curioso que sexa denunciable que nos recreos se lles explique aos nenos e nenas que é un referéndum ou se faga un simulacro de votación (por certo, o símbolo por excelencia do que significa a democracia) e non sexa denunciable que os nenos aprendan o manexo de armas, como se ten dado o caso nalgún colexio, ou que estudien con libros de texto que eloxian a Ditadura. E, por suposto, tampouco lles preocupa que UNICEF sinale ao Estado Español como o cuarto país da UE con maior risco de pobreza infantil (só ten por debaixo a Rumania, Bulgaria e Grecia) estando xa afectados un de cada tres nenos.

A ONG Save The Children ten tamén a España no punto de mira da malnutrición infantil, con cada vez máis almorzos escolares escasos e pésimos e nenos facendo unha soa comida diaria. Por non falar da lacra dos desahucios e o impacto emocional nos nenos que se ven expulsados das súas casas, moitas veces rodeados de situacións moi violentas. Descríbeo moi ben Diego, de seis anos: "Un desahucio é o medo a saber que vas quedar na escuridade...". E, por último, ao fiscal deberíanlle preocupar máis os nenos dos que gritan "¡a por ellos!". Eses nenos están vivindo nun clima de violencia e odio que lles pasará factura.