Un ano máis quero insistir de xeito particular e como presidente de la Asociación Cultural PineirÓns -que ten como obxectivo principal o Parque Nacional-, que Ons, como illa habitada e que recibe durante a etapa estival a un importante número de visitantes, necesita un posto de primeiros auxilios de xeito permanente. Parques, dende hai uns anos, ven patrocinando un retén da Cruz Vermella que posúe unha caseta adecuada para levar a cabo o seu labor, pero os seus efectivos só están en Ons 9 horas, quedando 14 sen este imprescindible servizo.

Dende as 20 horas ata as 11 do día seguinte poden ocorrer accidentes graves, algún infarto, ictus, ataques epilépticos..., problemáticas todas elas que necesitan dunha axuda inmediata e realizada por unha persoa con coñecementos, do contrario podemos causar máis gravidade ao problema ou que ocorra un desenlace fatal.

Non vale con dicir que chamando ao 112 ou ao 061 está solucionada a cousa, non, eses servizos tardan un mínimo de 20 minutos en chegar a Ons; pero o saber actuar no momento que ocorre é primordial para salvar a vida da persoa, despois xa se trasladará a un centro sanitario, pero o crucial é o primeiro momento.

Non entendemos como pode haber en Ons un servizo permanente contralumes e sen embargo ás persoas as deixen totalmente abandonadas durante 14 horas. Parques ten a responsabilidade sobre Ons e é ela a encargada de coordinar aos demais organismos que teñen responsabilidades nela. É tan difícil coordinarse con Medio Ambiente, Xuventude, Sanidade e concello de Bueu para sufragar un médico ou ATS para esas 14 horas? Tan pouco vale a vida dunha persoa?

E non dirán que non teñen onde aloxalos cando se quedaron coas casas dos mestres, do cura e a sancristía.

Que pena unha administración que só funciona cando ocorre algo grave, prevención, a mínima ou ningunha. A quen botarán a culpa cando ocorra algo grave?

Seguen os recortes, por máis que din que non, o malo é que o fan en algo tan imprescindible como é a saúde das persoas.