“Nós”, elixida Palabra do Ano 2020 polos galegos
Lembra á Xeración Nós e que vencer á pandemia depende da primeira persoa do plural
“Nós” foi a palabra gañadora da votación popular para “Palabra do Ano 2020” promovida polo Portal das Palabras, a páxina web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié. “Nós”, que conseguiu tres de cada dez votos emitidos, erixiuse como gañadora entre unha serie de finalistas ente as que destacaron palabras relacionadas coa pandemia do COVID-19 como “gromo”, na súa acepción de “aparición repentina dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar” --que a RAG incorporou ao seu dicionario en 2020--, “pandemia”, “máscara” e “vacina”.
A Real Academia Galega barallou, nun comunicado, que a elección de “Nós” como palabra deste 2020 pode deberse a un intento de “evasión colectiva nun ano en que o COVID-19 disparou a utilización de novos termos”.
Ademais, indicou que a voz gañadora salienta algo bo dun ano ben complicado, a celebración do centenario da Xeración Nós, e olla cara ao futuro con optimismo porque nos lembra tamén que saír da crise global provocada polo SARS-CoV-2 depende da primeira persoa do plural máis absoluta, xusto nun momento en que cobra forza outra das palabras finalistas cuxo éxito dependerá da implicación de todas e todos nós: vacina.
Segundo a RAG, a palabra gañadora é moito máis có pronome persoal tónico da primeira persoa do plural. É tamén a voz que designa a publicación aparecida en outubro de 1920, que lle daría igualmente nome ao grupo galeguista organizado arredor dela. En palabras do profesor Ricardo Carvalho Calero, os integrantes da xeración Nós europeizaron a cultura galega e déronlle á nosa prosa “un pulo nunca visto nos tempos modernos”. O protagonista das Letras Galegas 2020 dedicoulles un capítulo enteiro aos seus principais membros na súa Historia da literatura galega, onde explica que a orixe desta denominación está no álbum Nós de Castelao, director artístico da publicación.
A segunda palabra máis votada por detrás de “Nós”, cun 20% foi “seteiro”, en referencia ao grupo de estrelas denominado tamén “arqueiro” e que o Seminario de Terminoloxía da Real Academia Galega aprobou na súa lista normalizada de nomes galegos de constelacións. Despois ven “gromo”, cun pouco máis do 17%; “pandemia” (15%), e máscara e vacina sumaron, cada unha delas, pouco máis do 10% dos votos.
Temas
Más en Sociedad
-
Una experta advierte de la estafa de los códigos QR: las señalas que te indican que pueden ser un engaño
-
Cita con Angie Bru, la doctora que vino a España y se "fugó" a Alemania: "Un médico feliz, que gana más, es un paciente feliz"
-
Las críticas contra el volumen de la princesa Leonor, Muguruza o Lauren Fryer evidencian el machismo tras las gordofobia
-
Mascaraque: “Las emociones tienen que atravesarte, si no terminan arrollándote”