O Concello de Cangas convoca un certame audiovisual co obxectivo de poñer en valor e darlle visibilidade aos distintos Entroidos tradicionais no municipio, fomentar a divulgación cultural mediante novas tecnoloxías e promover o uso da lingua galega. Está dirixido a todos os públicos desde os 14 anos de idade e dividido en tres tramos: de 14 a 19, de 20 a 39 e de 40 anos en adiante, que se repartirán 900 euros en premios (150, 100 e 50 euros para o primeiros, segundos e terceiros clasificados en cada unha), a gastar no comercio local. Os premiados darñanse a coñecer nun acto que se celebrará no mes de marzo.
Condicións
Os videos, cunha duración de entre 20 e 60 segundos, deberán presentarse íntegramente en idioma galego, sexa na oral, na escrita, na música ou nos subtítulos, en caso de levalos. Teñen que estar publicados nos reels de Instagram ou en Tik Tok, polo menos nunha delas. A temática pode ser diversa e variada, sempre que teña como eixo central os entroidos tradicionais de Cangas. Admiten a temática histórica, baile, humor, canto, actuación, divulgación... O prazo de presentación remata o 23 de febreiro, e deberán citar as contas do Concello de Cangas e Orgullo Galego.