«Gustaríame reconectarme coa ilusión xenuína da persoa que empeza»
A cantautora Sheila Patricia lanzará a vindeira semana «Epifanía», un disco que supón a antesala a unha pausa na súa carreira profesional logo de 12 anos dedicada a traballar no eido da música galega. A artista achega un álbum íntimo contemplado dende o acústico e dende o proceso artesanal da creación, deixando a un lado a ornamentación e tamén á «showgirl» para regresar á cantautora.

Sheila Patricia nunha imaxe promocional de «Epifanía». | Nora Galván

Logo de lanzar nos últimos meses un par de sinxelos como avance do seu novo traballo, a cantautora Sheila Patricia por fin dará a coñecer a vindeira semana o seu novo álbum, «Epifanía», un disco que supón o paso previo a unha pausa na súa carreira profesional tras máis dunha década traballando duro e sen descanso no eido da música galega. A artista presentará en Santiago de Compostela nun concerto íntimo o seu novo álbum, no que foxe de artificios para regresar ao íntimo, ao acústico e a poñer o foco na voz propia.
Que pode esperar o público desta «Epifanía»?
É un disco en cinco capas que aborda as distintas etapas que recordan un pouco á viaxe dun heroe, fala dese momento da vida no que se dá un tipo de revelación ou de verdade con claridade. Está construído en cinco capas que van dende distintas reflexións que teñen que ver co meu momento vital, obviamente, pero tamén co meu momento artístico. É un disco bastante acústico, un traballo de volta ao que eu fun, ao que son e a eses cambios que tiveron lugar ao longo da miña traxectoria artística, repasa todas esas capas e esas transformacións que fun vivindo na miña carreira.
En que marca a diferencia con respecto a traballos anteriores?
É un disco íntimo, moi de guitarra e voz, moi en primeira persoa, no que hai músicos, pero no que moitos temas están tocados por min. Creo que esta é a diferencia fundamental, que estou desprovista en «Epifanía» de toda esa produción que viña acompañándome até o de agora. Aínda que o disco remata con «A xeitosa»e «Ribeirana», que son máis festeiras e máis producidas, o disco realmente está contemplado máis dende o acústico, dende o íntimo e dende esa parte máis artesanal, hai unha intención de poñer en valor todo isto nunha época de bombardeo de información, de tanta ornamentación, achegando un punto de vista máis minimalista.
Recentemente Sés, sobre o seu novo traballo, «Nadando na incerteza», facía referencia á necesidade de poñer a voz no centro da música de novo. Sodes varias as artistas as que estades regresando a ese rexistro.
Si, é iso cen por cento. De feito, creo que é algo que sucede a nivel internacional, é un efecto da propia tendencia da música e da sociopolítica tamén, na maneira de mirar e de crear. As artistas, ao final, somos persoas moi permeables e moi volubles ante o que sucede na nosa contorna, polo que é inevitable que moitas coincidamos nas tendencias, porque ten que ser, temos que conectarnos. Creo que o momento actual é un momento de conectarnos.
E esa semella que precisamente é a outra tendencia, a de poñer no centro a espiritualidade. Vemos a Rosalía con «Lux», a Sheila Patricia con «Epifanía»...
Si, de feito cando Rosalía lanzou o seu traballo quedei abraiada pola coincidencia, pero bendita coincidencia con semellante artista! Eu creo que agora mesmo é obvio que estamos atravesando un momento que pasa pola morte dos mitos, dos ritos, un momento de hiperrealismo quizais, un hiperrealismo que é bastante falseado, por outra banda, porque as redes sociais e como nos comunicamos creo que é unha falsedade. Por iso creo que agora mesmo é necesario conectarse co interior dunha mesma e a espiritualidade é un lugar fundamental: hai unha morte tamén da relixión, do cristianismo, aínda que parece que existe un certo fanatismo por outra banda, pero penso que as novas xeracións estamos desprovistas xa daquilo que tiñan xeracións anteriores, que era crer nalgo común que era evidente para toda a sociedade, e hoxe en día, o único evidente para a nosa xeración é o mercado. Conectarse é unha maneira de saír dese vórtice que é completamente tóxico e que non é propio, e tamén para volver á comunidade pequena e ao colectivo é necesario conectar co íntimo, non co individualismo, senón co íntimo de cada ser, máis ser e menos facer.
Logo de 12 anos dedicándose á música, «Epifanía» chega como previa a un paro na súa traxectoria musical , cales son os motivos que a levan a frear?
Precisamente ten que ver moito con esta hiperprodutividade e vivir todo o tempo pendente do calendario. Estamos nun momento no que as artistas temos que ser publicistas, deseñadoras gráficas, técnicas, creadoras,... toda unha serie de profesións que non son as nosas e ademais temos que facelo ben. Os medios que nos outorgan ás artistas pequenas ferramentas para chegar ao público, son de dobre fío, porque podes chegar a onde non chegabas antes, pero na mesma plataforma van atopar tanto o meu disco como o de Rosalía, por exemplo, feito cunorzamento moi mínimo. O propio disco é en si mesmo un anuncio desa parada e desa reflexión que ten que ver con volver a unha mesma.
Que lle gustaría atopar nesta pausa?
Gustaríame crear sen saber que vou crear, reconectarme coa ilusión xenuína da persoa que empeza, crear dende o cotiá e non dende o calendario, crear como o facía dende que comecei, que era dende o balcón da miña casa vendo o mar ou o monte. Ese era o meu contexto de creación na miña adolescencia e o contexto de creación dunha artista profesionalizada pasa a ser máis de formigón, de bloque e de ladrillo. Eu quero voltar a crear dende o primeiro lugar e iso só pode conseguirse sen ter que estar pensando en que tes que ir a dar un concerto, a un ensaio, a unha sinatura, a facer o deseño dun disco... É realmente unha pausa merecida logo de 12 anos de non parar.
E cal será a folla de ruta de «Epifanía»?
A vindeira semana faremos un concerto íntimo de presentación en Santiago de Compostela, temos á venda moi poucas entradas, e logo estaremos o sábado no Mercado da Estrela, unha mestura entre o novo e os anteriores traballos. O obxectivo é mostrar o novo disco, estamos impacientes por coñecer as impresións da xente e a folla de ruta vai ser xirar todo o posible durante o 2026 e chegar a todos eses lugares nos que nos queiran escoitar, con eventos moi coidados, moi ben preparados. Como novidade o que se poderá atoparo público é que é un traballo moi conceptual, moi visual, escenicamente case pensado coma un teatro.
Foxe do gran formato e regresa ao íntimo tamén no propio espectáculo?
Si, abandono un pouco á «showgirl» e volvo á cantautora, por iso tamén está contemplado o disco en capas, porque se me piden encaixarme nun lugar, son unha artista que non encaixo, por iso conservei temas que, aínda que sexa todo máis íntimo, rematamos en rave tamén. É un pouco a idea de que hai traxes que non me quedan ben, o que me queda ben é poder poñerme o que eu son: unha artista do íntimo, da narración, da voz, pero tamén unha artista de bailar e pasalo ben.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marruecos recupera el abastecimiento de almeja fina y se aprovecha de la crisis del sector marisquero gallego
- Casi un tercio de la población ocupada que vive en el rural gallego necesita irse a las ciudades para trabajar
- Rafael Louzán se pronuncia sobre las opciones de Vigo para el Mundial 2030, a pocas semanas del examen de la FIFA
- Un perro muerde a una vecina de Navia cuando protegía a su perra del ataque: Eira huyó pero apareció tras tres días perdida
- Muere un hombre en un atropello en Cambados
- Casi 17 años de prisión para el hombre que intentó quemar viva a su expareja en Vigo
- Reclaman los recibos del agua de diez años a 200 vecinos de Gondomar bajo amenaza de corte de suministro
- La gran fiesta de Portugal que cumple 200 años a media hora de Galicia: seis días de música, fuego y tradición