CRÍTICA DE CINE

O camiño, a verdade e a vida

Crítica de cine de «Sirât»

Secuencia de «Sirât»

Secuencia de «Sirât» / Quim Vives

Carmen Villar

Carmen Villar

Vivir e facer filmes non é tan diferente. Os seres humanos adoitan planificar, prever, pór orde, establecer obxectivos, marcarse metas. Disque o camiño se fai ao andar, pero para iso hai que tirar cara a algures. Supoño que os directores de cinema sofren do mesmo ben. No periplo que emprenden van aparecendo suxestións, desvíos, novas opcións,e por iso o que podía ser unha road movie metafórica ten moito de xéneros posapocalípticos, de viaxes ao corazón das tebras, de cinema social, de drama familiar e humano, de homenaxe aos herdeiros de «freaks», seres incompletos todos nós, por dentro ou por fóra… Van variando as Ítacas, pero mantense a importancia da navegación. A vida é o camiño. 

Todo iso é «Sirât», unha experiencia cinematográfica sibarita oposta ao fast food de Hollywood, que confirma que Oliver Laxe vive e que o fai con intensidade e sabedoría, xa que é capaz de asinar un inmenso poema filosófico e de facelo estoupar dentro dos nosos ouvidos cando algúns aínda poden estar distraídos pola métrica. Hai quen sae da sala coa faciana desconcertada, conxestionda polo que acaba de ver-vivir sen atender que neste tratado filosofico vital todo é, como acontece ao sur do mare nostrum, unha inmensa parabóla das vidas, todas elas travesías polo deserto, todas elas pragadas de vales e de montañas, de momentos de soidade e de compaña, de regocixo e de bágoas.

Segi López, nun momento de película «Sirât»

Segi López, nun momento de película «Sirât» / Quim Vives

O proceso inmersivo está plenamente garantido por unha interfaz absorbente e sutil que é quen de delimitar con minuciosidade os fíos que xunguen a existencia e as relacións entre as persoas e mesmo a conexión entre as persoas e o espazo e o tempo no que habitan, unha encrucillada existencial na que o azar ten un rol polo menos tan relevante como o da vontade.

En «Sirât» todo é fermoso: non só o que se ve, as paisaxes ou os intérpretes non profesionais que desprenden vida, como acontecía en «Mimosas», enxalzados por unha luz e unha fotografía divina, senón tamén o que se escoita. O son, tratado con deferencia e afecto, é un coprotagonista. Turran por nós a materia e a enerxía e as súas vibracións, que nos atan ao mundo físico, a frecuencia á que vibra un universo no que todo está feito de po de estrelas.

«Sirât» é unha pelicula chea: sobre todo chea de respecto polo lugar que ocupamos no mundo as persoas, perdidas, pero sempre facendo como que nos diriximos a algures, créndonos libres, mesmo cando damos voltas a unha roda, e efémeras coma a choiva sobre ese po que o conforma todo. Existencialismo vén de existir, pero «Sirât», malia todo, empéñase tamén en ser e en rescatar para o primeiro plano o verdadeiramente importante: o que acontece nas marxes.

Ficha técnica

Dirección: Oliver Laxe

Guión: Oliver Laxe e Santiago Fillol

Intérpretes: Sergi López, Bruno Núñez, Jade Oukid, Richard Bellamyun, Stefania Gadda, Tonin Janvier e Joshua Liam Henderson

Tracking Pixel Contents