Entrevista | Ash Diz Cantante viguesa, promotora de Resaca Emocional

«Acampei por primeira vez en Cíes para rodar o vídeo dunha canción»

Baixo Resaca emocional descubrimos o novo proxecto de Berto (Verto), cun pop de faíscas electrónicas en galego. Desta volta, non vén só. Acompáñano a viguesa Ash Diz, Brais Iriarte e Lorena Cachito no escenario; e cinco artistas máis no nome do corazón. «De amor» é o seu primeiro disco.

Brais Iriarte, Lorena Cachito, Ash Diz e Berto Mira (e-d) son Resaca emocional. |  Gala Rodríguez

Brais Iriarte, Lorena Cachito, Ash Diz e Berto Mira (e-d) son Resaca emocional. | Gala Rodríguez

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Completan RSK Diana Montserrat e Noelia Mato en danza; Rocío Campoy en debuxo máis maquillaxe; Zeltia Iglesias en deseño e cartelería; así como Gala Rodríguez en escenografía, foto e vídeo. En definitiva, nove artistas visuais e musicais que se uniron, curiosamente, a raíz dun referente de EEUU. «Descubrín un grupo xa disolto de Estados Unidos que se chamaba Brockhampton que tiña músicos pero tamén xente que facía fotografía, deseño gráfico... Mesmo o mánager formaba parte da banda. A partir deles, empecei a pensar na idea de ter un proxecto máis amplo, con xente que procedese de diversas disciplinas artísticas», explica Ash Diz que nos concede esta entrevista.

Como se xuntou con Berto?

El producía para outra xente e eu quería facer música con el. Descubrimos que o pasabamos moi ben facendo música xuntos, entón tivemos a idea de facer un grupo. Antes de existir Resaca emocional xa sacaramos algúns temas pero despois decidimos crear esta familia, con nome propio e equipo.

Aventuro que o proceso de gravación debeu ser especial.

Pasamos uns cinco ou seis días na miña aldea nos que compuxemos uns 15 temas. Collimos os 10 que se parecían máis en temática. Despois fomos quedando para rematar as cancións. Empezamos a pensar que podiamos explorar as emocións para este disco.

Cal é a súa aldea?

É Riyero, está na fronteira entre León e Asturias, na montaña. Son 108 habitantes entre os tres pobos do municipio. Hai moita xente que fala bable alí. Levo indo dende pequena.

O eixo temático do disco é o amor na máxima expresión da felicidade.

Saiunos de maneira natural. Eu creo que eu nunca fixera ata agora cancións felices. Foi como saír fóra da zona de confort. Verto máis eu somos os compositores das cancións e el estaba comezando unha relación e tiña eses sentimentos a flor de pel. Falamos moito sobre o importante que é o amor dende o namoramento ata o círculo dos coidados. Sona naïf pero pensámolo de maneira profunda. Quixemos que os sentimentos foran o eixo do proxecto.

Foi doado convencer a Berto para esta travesía sonora?

El deixara o seu proxecto en solitario como artista. Houbo un momento no que pensaba que non ía compoñer máis cancións para el mesmo senón para outras persoas. Eu quería que el volvera a ter cariño por crear cancións para el. Ben lle fai. Foi moi terapéutico.

Resaca emocional é un nome que impacta.

Era unha expresión que usabamos moito. Ocorréuselle a Berto. Toda a xente que estamos no grupo somos persoas bastante intensas. Gústanos contar a nosa vida, inquedanzas... Naquel momento, pensabamos que ía ser un dúo. Dáme a risa.

O tema de arranque é «Sae o sol» e lévanos a un amencer nas Cíes e preséntanos unha confesión de amor.

Compuxémola Berto máis eu. Lembro que en Riyero cando nos erguiamos pola mañá, cos nosos horarios caóticos, viamos as montañas dende o patio. Falamos de que o sitio era moi bonito. Estabamos como bébedos de ilusión; pensabamos que estabamos no paraíso. Só nos preocupabamos de comer e compoñer. Era un edén. Eu quero moito a miña aldea pero o nome non casaba ben para o título da canción. Pensamos: «Oxalá tivera un nome máis sonoro como Cíes». E quedou así, saíndo versos con Cíes. Ao final, para o vídeo, marchamos Gala, Rocío e eu ás illas coa idea de acampar e ver como amence en Cíes como di a canción. Para nós as tres foi a primeira vez que acampamos en Cíes.

En «Ondas sonoras de Xúpiter», inclúen versos da copla «A tu vera». Gustades desta fusión?

Si, pero neste álbum só esta chiscadela á copla. Hai outro sampler que modifica algo da cultura popular.

Pecha o álbum «O único medo que teño». O medo que ten é a perder o amor?

Eu escribín a canción para o público. Nunca esperaba que estas creacións saísen ao exterior e agora dáme bastante medo. No meu caso, é o primeiro álbum que fago e está esa cousa de medo a expoñerme coas cancións.

Hai unha eclosión de grupos e solistas en Galicia. Evidencia a riqueza artística pero a torta aquí é pequena para que todos se profesionalicen.

É moi importante que haxa música en galego en todos os estilos e xéneros fusionados ou non. Debe haber músicas para públicos máis pequenos. O traballo non debe depender do número de seguidores. Entendo a analoxía pero non o vexo como anacos do pastel. Canta máis xente haxa, mellor.

Tracking Pixel Contents