“Na última xira, había momentos nos que non estaba cómodo no escenario”
Hugo Guezeta, ex SonDaRúa, regresa aos escenarios co seu proxecto individual. O novo disco leva por título "O noso tempo" a xira comeza en poucos días na sala Rebullón

O artistas de Ponteareas Hugo Guezeta, nunha foto promocional. | Juancho Everman

Hugo Guezeta volve ao foco tras ano e medio do «beef» (preito musical) con Boyanka Kostova. Mais agora presenta o seu primeiro disco en solitario, «O noso tempo», tras pechar SonDaRúa. Nel, fala de depresión, de loitar e dos que ‘se venden’ ao poder. O 14 de nadal preséntao na Sala Rebullón. O 19, n´A Coruña e o 21 en Compostela. O Petrowski, na produción. Esta produción de música galega e en galego, recomendable ao 100 % . Quen dá máis?
Por que «O noso tempo» bautiza o disco?
Foi un álbum bastante reflexionado. Tiven bastante tempo para a crealo e para a gravación. Foi o single de adianto e serve como reivindicación. As nosas xeracións viviron varias crises económicas, sociais e a pandemia. Estamos un pouco aletargados e chegou o momento de espertar polos nosos dereitos e a nosa cultura.
Resulta difícil seguir a loitar por unha utopía hoxe?
O mundo está un pouco escuro con tanta guerra, co cambio climático. Parece que queda pouca esperanza pero hai unha utopía e hai que camiñar cara ela. Temos que ir pasiño a pasiño, con obxectivos pequenos para mellorar nós de xeito individual como persoas e o mundo no colectivo.

Hugo Guezeta. / Juancho Everman
Abre «Espertar», cunha voz dunha señora na intro.
É a miña avoa. Para min, sempre foi un referente pola forma de pensar, actuar e loitar durante toda a súa vida. Era importante abrir o disco con ela. Ensineille a canción e díxenlle que tiña que escribir algo. Saíulle este texto. Despois, na última canción do álbum, aparece a miña nai.
A súa avoa sinala «loitar é o que nos fai grandes» pero como deixar de lado o pasotismo?
Debemos ter os nosos maiores máis de referentes e non tanto a gurúes que che din que confíes en ti mesmo e así terás éxito, sen pagar impostos ou botando man das criptomoedas. Moita xente nova cre neses discursos baleiros. Debemos loitar máis polos nosos dereitos. A realidade do día é complexa, se non loitamos, aínda irá a peor.
No tema «Espertar», xúntanse as claves temáticas do disco . Fala da depresión. Foille difícil tratala no disco ou precisaba plasmalo para sanar?
Foi máis ben a segunda cousa. A través da música, canalizamos as nosas frustracións e baixóns que todos temos. Serviume para canalizar o bloqueo creativo. «Espertar» indica que chegou a hora de espertar para deixar atrás os demos e confiar nun mesmo.
No disco, recoñece que chegou a ter medo escénico.
A raíz do COVID, estabamos un pouco desmotivados co proxecto de SonDaRúa. Na última xira, había momentos nos que non me sentía cómodo no palco. Máis que medo escénico, custábame conectar co público. Non estaba cómodo. Estabamos bloqueados. Por iso, decidimos finalizar co proxecto.
Custou tomar a decisión?
Custou; foi un proxecto de sete anos. Foron moitas vivencias pero chegou un momento no que nos sentiamos presionados e pensamos que lle podía pasar factura á nosa relación. Era mellor parar. A despedida foi moi bonita.
No tema «Dispara», volven.
Si, xuntámonos para ese tema para recordar vellos tempos. Foi especial.
Nesa canción, solta bile contra Rueda, Yolanda Díaz, a Galega... Os artistas de agora cada vez critican menos?
Nese tema, vou contra a manipulación dos medios públicos, non contra os traballadores. É a esencia que tiña SonDaRúa de caña e combate. Quedan menos grupos que combaten. Perdeuse esa esencia desde que xa non están Nao, Ezetaerre ... inda que aínda hai grupos e solistas que protestan.
Falando de Ezetaerre, Peter Petrowski produce todo os temas e vólcase nalgún.
Si, por exemplo en «Non te creo» imos con el contra o postureo, as novas falsas. A súa participación é moi importante no disco. Sen el, non sería posible.
O disco chouta de estilo en estilo: bolero, reggae con Dakidarría, hip hop, rock...
Queriamos un disco o máis variado posible nos ritmos. Queremos plasmalo no directo para que sexa entretido. Por iso, hai que mudar bastante dunha canción a outra.
En «Sono», fala de parar un rato. Parece imposible.
A nivel musical e social imos contrarreloxo. As redes obrígante todo o rato a crear, a subir contido... É mellor calmar e pensar que facer. Por iso, quería facer un disco porque agora case só se consumen singles. Gústanme os discos que teñen unha historia que contar.
Ten ganas de empezar a xira?
Si, comezamos o 14 de decembro na Sala Rebullón a xira con convidados. Os escenarios son como unha droga e boto de menos esa adrenalina.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- La borrasca Claudia pone a Galicia en alerta por riesgo de inundaciones, fuertes vientos y mala mar
- Desde Moaña con rumbo a La Martinica
- Una pareja crea el primer local de alquiler de trasteros de Vilagarcía
- La nueva hucha de pensiones se llena en Galicia a tres millones por semana
- Vecinos de Vigo denuncian destrozos en sus viviendas por obras ajenas: «Quieren sacarme de mi casa»
- Centollo de O Grove: 4.239 kilos de calidad
- De estar en coma e converterse en bailarín na nova obra de Antón Reixa