
Loiros: "Preferimos tocar para 20 que veñen escoitar música e non a sacarse fotos"
A banda de Vigo publica o seu segundo disco, Back from the Edge, que presentan en directo esta fin de semana en Cambados e en Vigo
Paradoxos: mentres a orde internacional vive os seus momentos máis críticos en décadas, a banda de Vigo que mellor encarna a idea de fraternidade global volve a escena. Loiros —dous galegos, un francés emigrado na cidade e un alemán errante— xúntanse de novo para presentar en directo o seu segundo disco, Back from the Edge, que se estrea este venres nas plataformas. Esa mesma noite mostarán o seu persoal "limbo" entre o rock alternativo, a psicodelia e o jazz moderno na sala Krazzy Kray de Cambados, ás 22:30, e ao día seguinte, ás 21:00, na Sinatra de Vigo.
Por moi absorbente que sexa o traballo dun músico underground, a súa "pequena realidade non existe da mesma maneira sen a macro-realidade", expón Héctor Agulla, batería e impulsor do proxecto, cando se lle pregunta por como viven o choque entre ver o que está a pasar en Oriente Próximo ou Ucraína ao tempo que preparan a presentación do seu novo traballo. Un exemplo directo desa reflexión: este segundo longa duración comezou a xestarse cando a pandemia eliminou a segunda parte da xira do primeiro álbum.
Para Agulla hai dúas opcións: meterse "no ollo do furacán" dos conflitos ou tratar de facer do micro-mundo de cadaquén un lugar mellor. Os membros do grupo, canda menos nesta etapa vital, están na segunda vía: "Hai moitas cousas que como artista podes facer ou podes non facer. Nós tentamos facer o proxecto o máis ecolóxico posible, por exemplo fabricando poucas copias".
Tamén rexeitan, apunta, ir a determinadas salas ou festivais, inda que lles paguen. "Como músicos estamos contentos tocando para xente que nos quere escoitar e coa que hai unha comunión, inda que sexan 20. No se cobra mogollón nin vas saír en moitos medios, pero levas a tranquilidade de ter feito o correcto e de ter tocado para xente que está aí para escoitar música e non para facerse unha foto e beber cervexa e falar súper alto por riba da túa música. Que podes levar dalgúns festis, miles de euros? Prefiro levar menos pasta pero o corazón ben cheo".
Un novo enfoque
Pero viñeramos falar do seu libro, que son a seis cancións que forman este Back from the Edge, gravado de novo coa produción do Hevi. "Para nós soa bastante natural, pero formal e estruturalmente é moito máis complexo que o primeiro", explica o batería. No homónimo antecesor había moito espazo para a liberdade e a improvisación, desta volta apostaron por traballar máis na pre-produción e nos arranxos, para plasmar as ideas de maneira máis concreta e non tan aberta coma no traballo de hai catro anos.
"Para nós era un reto porque os catro levabamos tempo máis afeitos a traballar de maneira máis libre e botabamos de menos estoutra forma de facelo", comenta Héctor Agulla. Axudou na tarefa o concentrar o traballo en oito días nos que conviviron a carón do Laboratorio Soyuz, en Trazo. "Eu era a primeira vez que facía algo así, viviamos coma nunha burbulla, só enfocados na música; cando rematamos preguntámonos cal era a nosa vida fóra", chancea.
Agora tócalles encontrarse co público en busca desa "comunión brutal" que se viviu, por exemplo, hai catro anos na sala Kominsky. Sexan 20 ou 200, os espectadores van atopar, promete o batería, coa versión máis pura e crú de Loiros, coas dinámicas levadas ao extremo: "O cañeiro vai soar moito máis intenso e rabioso e as pasaxes tranquis van soar máis intimistas e atmosféricas". Para blindarse fronte ao mal do piloto automático nesta xira pensan variar o repertorio entre concerto e concerto. "Inda que tocamos tan pouco xuntos que é moi difícil que nos pase, a música lévanos ao trance", confesa o batería.